O BNG de Ames e a ANPA do IES Plurilingüe de Ames reúnense coa deputada nacionalista María Cristina Fernández Davila para levar ao pleno do Parlamento a problemática referente aos libros de texto nos centros de ensino coa implantación do E-Dixgal.
As concelleiras do BNG Escarlata Pampín e Rosalía Seijas, xunto con Susana Torrente, presidenta da ANPA do IES Plurilingüe de Ames, mantiveron este martes unha reunión coa deputada María Cristina Fernández Davila que levará ao pleno do Parlamento a necesidade do cambio dos requisitos para o acceso ó Fondo Solidario de Libros de Texto dos centros educativos que participan no programa E-Dixgal.
Desde a ANPA do IES Plurilingüe de Ames, co acordo das ANPAS dos centros educativos do Concello de Ames: ANPA do CEIP A Maia, ANPA do CEIP Agro do
Muíño, ANPA San Mauro do CEIP de Barouta, ANPA As Brañas do CEIP de Ventín
ANPA Millapeques da EEI do Milladoiro xa enviaran un escrito á Valedora do Pobo. Nel solicitaban que se promovese unha modficación nas bases da convocatoria de axudas do fondo solidario de libros de texto para que non se exclúa na súa totalidade aos alumnos e alumnas matriculados en centros educativos da ESO incluídos no programa E-Dixgal que non impartan a totalidade das súas materias a través de E-Dixgal, senón que se permita realizar a solicitude,cunha reducción no número de libros concedidos proporcional ás materias non incluídas en E-Dixgal.
O Fondo Solidario de Libros de Texto, o programa de axudas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, permite ás familias con alumnado matriculado en 3º, 4º,5º e 6º de Educación Primaria, e en 1º,2º,3º e 4º de Educación Secundaria, obter de xeito gratuíto entre 4 e 6 libros, segundo o nivel de renda. Pero establece a total exclusión do dito fondo dos centros educativos incluídos no programa E-Dixgal, sen ter en conta se a dita inclusión é total ou parcial. O que supón a incompatibilidade total do Fondo de Libros cun programa E-Dixgal implantado de xeito parcial, unha exclusión que as ANPAS consideran “discriminatoria e que incumpre o principio dunha educación pública e gratuíta de calidade.”
As ANPAS estiman que o programa E-Dixgal, creado para contribuír a reducir a fenda dixital e que debería supor un aforro económico para as familias, “non é tal ao vir acompañado da exclusión total do fondo solidario de libros de texto, que na práctica implica aumentar a fenda económica nas familias con menos recursos.”
A reivindicación, do cambio dos requisitos para o acceso ó Fondo Solidario de Libros de Texto dos centros educativos que participan no programa E-Dixgal. xunto con outras propostas de interese para a cidadanía, será presentada no pleno do parlamento pola deputada nacionalista María Cristina Fernández Davila.