CONSTRUÍNDO UN PAÍS ONDE A XENTE MOZA TEÑA OPORTUNIDADES
Ana Pontón comprométese en Ames a crear un Plan de Emancipación Xuvenil
Nun encontro con mozos e mozas no Milladoiro, Ana Pontón tivo a oportunidade de conversar dun xeito informal e así escoitar de primeira man as súas preocupacións e inquedanzas. Ademais avanzou os catro puntos do Plan creado para que a mocidade poida desenvolver en Galiza os seus proxectos de vida.
Na charla, os rapaces e rapazas, trasladáronlle os temas que máis lles inquieta á mocidade na actualidade. Un destes asuntos é a emancipación, debido ás dificultades para acceder a unha vivenda e tamén á precariedade, que son dous elementos que están marcando a vida da xente nova e que condicionan esa emancipación."Hai poucos días coñecíamos un informe que fixo o Consello da Xuventude do Estado que nos decía que mentres no conxunto de España se estaba incrementando a emancipación xuvenil, resulta que en Galiza baixou e estamos falando de que os mozos e mozas menores de 29 anos teñen unha taxa de emancipación do 15% e cando falamos de entre 30 e 34 esa taxa de emancipación so chega a tres de cada dez”.
Unha das prioridades dun goberno liderado polo BNG será lograr esa emancipación xuvenil e traballar para darlles un futuro neste país."De feito se teño a confianza dos galegos e das galegas para ser presidenta poñerei en marcha un Plan de Emancipación Xuvenil destinado especialmente a que a xente moza poida ter acceso a unha vivenda en condicións dignas".
Un plan que conta con medidas moi concretas, como incrementar as axudas para as bolsas ao alugueiro, "estamos falando de que é necesario como mínimo que cheguen ao dobre de persoas, incrementar as cuantías e tamén permitir unha realidade que existe que é a dos pisos compartidos e que esas persoas non queden excluídas nas axudas ao alugueiro"
Ana Pontón explicou tamén que dentro do Plan de Emancipación Xuvenil crearase unha nova liña de axudas destinadas ao estudantes que teñen que desprazarse por razóns de estudo e que neste momento non dispoñen ningún tipo de axuda no ámbito do alugueiro. Ademais porase en marcha unha bolsa de vivenda para os universitarios que, en colaboración coas universidades, permita ter un volume de vivenda importante á súa disposición e nunhas condicións dignas.
Outra medida que porá en marcha un goberno do BNG , será un plan para a mobilización de vivenda baleira con compra por parte da Xunta para poñela en alugueiro “precisamente para uns dos colectivos prioritarios, a mocidade, porque sabemos as dificultades que hai neste momento. Todos os estudos din que unha persoa non debería adicar máis do 30% do seu salario á vivenda, no caso de mozas e mozos estamos falando que para poder emanciparse teñen que destinar entre un 50 e un 60%“.
O Plan de Emancipación Xuvenil, unha nova iniciativa do BNG para construír un país onde a xente moza teña oportunidades e poida facer realidade os seu propios proxectos de vida.