O CAMBIO GALEGO EN MARCHA

Ana Pontón en Ames: “educación e sanidade, sempre públicas e de calidade”

foto
foto

Nun Auditorio ateigado a portavoz nacional e candidata á presidencia  da Xunta, Ana Pontón, detallou os seus obxectivos para Ames: a construcción  do centro educativo de infantil e primaria do Milladoiro e a ampliación  do centro de saúde de Bertamiráns. 

 

 

Ana Pontón en Ames: “educación e sanidade, sempre públicas e de calidade”

O acto público, celebrado este xoves 18  de xaneiro  na Casa da Cultura de Bertamiráns, contou coa participación de David Santomil, voceiro municipal e Saleta Chao, candidata ao Parlamento galego.

Na súa intervención  David Santomil fixo fincapé en que o cambio é posible, poñendo como exemplo o troco de alcalde no Concello de Ames no ano 2003 e a muda no goberno galego no 2005. “Este ano 2024 ímolo conseguir outra vez, imos ter unha muller presidenta da Xunta e esa presidenta é Ana Pontón”. “Queren convencernos de que non é posible, desmobilizarnos, dividirnos, pero a nosa resposta debe ser unha enorme participación, que a xente vaia votar e concentrar o voto na esquerda nacionalista, no BNG.”  Santomil subliñou que “estamos preparados e preparadas para gobernar  de novo como así o demostramos no seu día na Xunta e tamén en concellos como Ames onde os últimos oito anos conseguimos transformar o seu funcionamento en beneficio dos veciños e veciñas”. 


Pola súa parte Saleta Chao referiuse aos galegos e galegas que, como no seu caso,  que se ven obrigados a abandonar Galicia na procura dunha vida mellor “non é doado deixar  atrás a túa casa e a túa xente para emprender un novo camiño nun país que non é o teu,  pero tamén son aprendizaxes que che axudan a construír unha identidade e unha visión do mundo fundamentais para entender que hai outras formas de facer política e de gobernar, de mirar polo público e actuar en favor das maiorías sociais”.  “Non nos temos que resignar a  malos gobernos que expulsan á súa xente e que nos condenan a que esta historia se volva a repetir”.


 Neste acto público, Ana Pontón avanzou  o seu compromiso de reforzar os servizos públicos, como a sanidade e a educación. “Haberá un plan de rescate de atención primaria e haberá ampliación do centro de saúde de Bertamiráns, porque a saúde das persoas é o primeiro e temos que coidala”.

No ámbito da formación, Ana Pontón referiuse ao compromiso que tivo o BNG  de Ames dende a concellaría de educación en mellorar todos os servizos educativos do Concello  e  anunciou que “se temos o próximo goberno da Xunta de Galicia, faremos que o centro educativo de infantil e primaria do Milladoiro sexa unha realidade porque é a mellor inversión que podemos facer como sociedade”.

Ana Pontón en Ames: “educación e sanidade, sempre públicas e de calidade”