ANA PONTÓN CHAMA Á MOBILIZACIÓN PARA FACER HISTORIA O 18-F
Comeza a campaña máis ilusionante
Esta noite comezou a campaña para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, uns comicios nos que se o voto do cambio se une no BNG, Galiza gañará un futuro mellor. “Son a candidata de todas as persoas que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións e pídolles a súa confianza porque non lles vou fallar”, proclamou Ana Pontón.
Nestas eleccións xogámonos poñer en marcha un país mellor e con maior capacidade de decisión, e conseguilo vai depender de nós e das nosas propias forzas. ”O 18-F só hai dúas alternativas, ou seguir no pasado co PP ou mirar con ilusión cara ao futuro cunha presidenta do BNG que só se deba ós galegos e ás galegas”
Unha presidenta coas mans libres e para a que Galiza é e será sempre o primeiro, sen depender de ningunha directriz estatal. Cun proxecto de país serio e solvente e un programa baseado na calidade do sistema público.
Será un goberno que devolva a fortaleza a sanidade pública, á educación pública, capaz de darlle futuro á xente moza e que garanta o dereito a unha vellez tranquila.
Será o goberno que xere actividade económica e emprego de calidade.
Será o goberno que constrúa unha Galiza máis forte e orgullosa da súa identidade.
Será ao fin o noso goberno, o de todos os galegos e as galegas, feito dende Galiza e pensando en Galiza. O goberno dun país que sexa por fin,dono de si.
Acadalo depende de nós, da mobilización do voto do cambio, “Porque hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para construír a Galiza en grande que queremos e merecemos”.