UN PROXECTO DE PAÍS SERIO E SOLVENTE
O BNG RESPONDE
O BNG foi e será sempre un partido que defende os servizos públicos, como a educación e a sanidade e que loita contra os recortes e as privatizacións do PP que nos deixan aos cidadáns nunha completa indefensión ante a destrucción do máis importante dunha sociedade, unha educación e unha sanidade públicas e de calidade.En Ames vivímolo de preto, tódolos veciños e veciñas e tamén o persoal do Servizo Galego de Saúde que traballa no noso concello.
A semana pasada, a deputada provincial e concelleira do BNG de Ames Natividade González e a actual deputada no Parlamento e candidata pola provincia de A Coruña Iria Carreira, reuníronse no Centro de Saúde de Bertamiráns coas profesionais do SERGAS.
Foi un encontro para recoller as demandas dos traballadores e traballadoras en cuestións de infraestruturas, contratacións e mellora na atención ás persoas doentes, no que nos falaron da falta de espazo nun centro que quedou anticuado e no que, por exemplo, de 14:00 a 15:00 horas teñen que compartir espazo de consulta os turnos de mañá e os de tarde, tanto o persoal médico como o de enfermaría, co conseguinte trastorno para os pacientes. Mestura de enfermos adultos con nenos e nenas que acuden ás distintas consultas, necesidade de máis profesionais sanitarios, mal funcionamento da caldeira, un só baño para todo o persoal, etc...
Problemas ocasionados polo abandono do servicio público de saúde por parte do PP, que como explicaba Ana Pontón “quere deteriorar o público para beneficiar o privado a costa da saúde dos galegos e das galegas”.
Ana Pontón xa avanzara no acto celebrado o pasado mes en Ames que “Haberá un plan de rescate de atención primaria e haberá ampliación do centro de saúde de Bertamiráns, porque a saúde das persoas é o primeiro e temos que coidala”.
De igual xeito, no ámbito da formación, Ana Pontón tamén se referira nese acto ao compromiso que tivo o BNG de Ames dende a concellaría de educación en mellorar todos os servizos educativos do Concello e anunciou que “se temos o próximo goberno da Xunta de Galicia, faremos que o centro educativo de infantil e primaria do Milladoiro sexa unha realidade porque é a mellor inversión que podemos facer como sociedade”.
Distos e doutros temas como a posta en marcha dun Plan de Emancipación Xuvenil, ou un novo modelo de atención ás persoas maiores no que, en palabras de Ana Pontón, "darase prioridade aos coidados na casa co fin de garantir unha vellez digna, tranquila e activa” falarase o próximo domingo 11 de febreiro ás 12:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
Esperámoste. Ven coñecer de preto o programa de goberno para o cambio galego!