Será o MARTES, DÍA 21 de AGOSTO ás 12:00h. (Rotonda de Aldea Nova, onde está o memorial) e servirá para lembrar a todas as persoas represaliadas pola dictadura franquista. Contará coa participación de Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, deputado no Parlamento de Galiza e veciño de Boimorto; David Santomil, portavoz municipal do BNG e concelleiro de Educación e Cultura de Ames; así como dalgunhas das familias dos Homiños de Boimorto.
Cómpre lembrar que en Santiago de Compostela e contorna foron 226 as persoas que padeceron algún tipo de represión, segundo datos recollidos na investigación Voces e Nomes e case cen as paseadas, executadas ou en prisión. A represión foi especialmente violenta nos anos da guerra e materializouse en Galiza no asasinato de máis de 5.000 persoas e noutras múltiples formas de violencia física: encarceramentos masivos, violacións, malleiras, rapado do cabelo, inxestión de aceite de rícino. A represión exerceuse con características especialmente violentas e machistas no caso das mulleres.
Nos anos da guerra e durante toda a ditadura franquista, a represión tivo outras múltiples manifestacións: depuración laboral, sancións económicas, espolio de bens, persecución ideolóxica, acoso psicolóxico e exclusión social, entre outras. A imposición violenta da ideoloxía, da moral, da educación e dos valores franquistas afectou a toda a sociedade e os seus efectos prolongáronse no tempo máis alá de 1975.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, repuxo as placas que lembran a memoria dos Homiños de Boimorto e os actos realizados no ano 2006 cunha sentida homenaxe.