A FUNDACIÓN DE LOA AO DICTADOR PIDE 247 ANOS DE PRISIÓN E MEDIO MILLÓN DE EUROS DE MULTA

O BNG apoia as persoas denunciadas pola Fundación Franco por reclamar a devolución do Pazo de Meirás

2018060717332961504
Parte dos 19 de Meirás
O BNG apoia as persoas denunciadas pola Fundación Franco por reclamar a devolución do Pazo de Meirás

O BNG quere facer público o seu total apio ás 19 persoas denunciadas pola Fundación Francisco Franco e polos descendentes do Ditador pola súa participación, o pasado 30 de agosto de 2017,  nunha toma simbólica e pacífica do Pazo de Meirás como acto para reivindicar a súa devolución ao pobo galego.
 

Pese a que o acto foi totalmente pacífico, sen provocar dano algún e realizado nun día de visita ao público, a denuncia presentada ante o Xulgado de Betanzos pola Fundación, por Carmen Franco, agora falecida, e por José Cristobal Martínez-Bordiu, neto do ditador, demanda un total de 247 anos de prisión e medio millón de euros de multa para os denunciados.

O BNG considera un despropósito e unha anomalía democrática tanto a denuncia como a existencia mesma da Fundación Franco, -que fai apoloxía do franquismo mesmo con fondos públicos-, como o feito de que os bens espoliados pola ditador aínda non fosen devoltos ao seu lexítimo dono, -o pobo galego-, e segan a ser propiedade e lugar de recreo da familia Franco corenta anos despois da desaparición do réxime franquista.

A formación nacionalista transmite o seu total apoio, solidariedade e tamén orgullo ás 19 persoas denunciadas, -varias delas militantes do BNG-, que protagonizaron ese acto reivindicativo en defensa da dignidade do pobo galego, en defensa da dignidade das vítimas da ditadura que aínda non recibiron xustiza, nin foron compensadas, nin a súa memoria restituída, e en defensa dos valores máis elementais dunha democracia merecente de tal nome.

Pese a involución dos últimos anos no Estado español, o BNG confía en que a denuncia non teña percorrido algún e se resolva con prontitude e contundencia a favor destas 19 persoas que non teñen máis culpa que a defensa de valores democráticos fundamentais e irrenunciables pois, como reza o comunicado emitido hoxe que o BNG comparte, non é normal que en 2018 haxa que continuar a ser anti-franquista.34502285_177595886284408_2109715518075174912_o

O BNG apoia as persoas denunciadas pola Fundación Franco por reclamar a devolución do Pazo de Meirás