O Consello Local do BNG comeza un novo ciclo con Carlos García Vieito á fronte
A Asemblea Local, celebrada este xoves 21 de setembro aprobou por unanimidade a candidatura de Carlos García Vieito como Responsable Local ao tempo que agradeceu o traballo feito por Isabel Vaquero en todos estes anos.
Nado en Santa Comba no 1992 e veciño do Milladoiro dende os sete anos, comezou o seu activismo lingüístico xa no instituto, as súas iniciativas en Instagram e Twiter en galego acabaron acadando que o paxariño azul comezase a chiar na nosa lingua.
Na actualidade este amesán graduado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago, exerce como Coordinador de Zonas e responsable de comunicación en A Mesa pola Normalización Linguística.
Ten tamén ampla experiencia política como destacou Isabel Vaquero Quintela, anterior Responsable Local, xa que traballou, entre outros postos, como xefe de prensa do noso deputado Néstor Rego no Congreso dos Deputados.
Foi así mesmo número 6 da candidatura do BNG de Ames nas eleccións locais de 2023.
Se queredes escoitalo, tédelo en Radio Ames no programa da radio cidadá “Exército Mekemeke”.
A renovación do Consello Local con Carlos García Vieito como Responsable afronta unha nova etapa do BNG de Ames, que tras aumentar a súa representación no Concello, atópase máis forte e traballará con ilusión dende a oposición para mellorar a vida da veciñanza.