O alcalde de Ames, Santiago Amor, debe explicar por que autoriza as obras de ADIF e unha semana despois asina un manifesto en contra do proxecto.
O BNG presenta no Congreso unha pregunta sobre as obras de ADIF en Coira, criticando tanto a opacidade e falta de información por parte de ADIF cara á veciñanza coma a obra mesma, que recomenda que se faga lonxe do núcleo de poboación.
O BNG de Ames considera que o Ministerio de Fomento e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), así como os Concellos de Ames e Santiago de Compostela, non informaron correctamente aos veciños e veciñas de Coira das características da obra de canalización dunha liña de alta tensión de 220.000 voltios polo medio da aldea.
O Concello de Ames debe aclarar as razóns que motivaron a autorización deste proxecto de canalización eléctrica, así como os permisos municipais e autonómicos dos que dispón actualmente.
Con esta finalidade, o BNG solicitoulle ao Alcalde de Ames, Santiago Amor, a través da presentación dunha proposta de moción, que someta a consideración do Pleno do Concello a necesidade de dispor dun informe técnico da Secretaria municipal e do Departamento de Urbanismo.
Así mesmo, o BNG propón ao conxunto da Corporación Municipal que esixa a paralización definitiva do proxecto inicial de ADIF e que a entidade ferroviaria propoña alternativas ao trazado da liña de alta tensión fóra do núcleo rural, consensuadas previamente cos veciños e veciñas de Coira.
Pregunta do BNG no Congreso dos Deputados
Por outra banda, a deputada do BNG no Congreso dos Deputados Rosana Pérez Fernández rexistrou unha pregunta parlamentaria na que se critica tanto a opacidade e falta de información por parte de ADIF cara á veciñanza coma a obra mesma, que recomenda que se faga lonxe do núcleo de poboación polas posibles afeccións sobre a saúde que poida causar unha liña de alta tensión que atravese a aldea polo medio. Neste senso, a pregunta suxire que ADIF estude alternativas á canalización subterránea en Coira, que poidan acometer o transporte da enerxía eléctrica á liña ferroviaria a través de zonas arredadas dos núcleos de poboación.