Imprimir

Santiago Amor dános a razón!

BNG de Ames | 07 de febreiro de 2015

Santiago Amor dános a razón:

o cemiterio podía estar xa aberto

• A principal escusa de Santiago Amor para non abrir o cemiterio, o preito contra a construtora, desmontada.

• O camposanto público podía levar anos aberto.

Ames, 7 de febreiro de 2015.- As declaracións de Santiago Amor a un medio, publicadas o pasado día 5, como resposta non declarada á nota de prensa BNG de Ames, non dan pé a dúbidas e dánnos a razón: “Amor señala que habrá en breve fondos para la obra si se pierde el recurso” e “Amor ha confirmado que el Concello de Ames no esperará al dictamen judicial para retomar las obras”.

O PP de Ames, con Santiago Amor á fronte, que cando estaba na oposición acusou o anterior alcalde, o socialista Carlos Fernández, de facer electoralismo adiando adrede a apertura do cemiterio municipal (recibido en xaneiro de 2010) para que coincidirá coas eleccións municipais de maio de 2011, e que prometía que axiña ían abrilo eles, demostra a súa absoluta desvergonza e desleixo sobre os asuntos que de verdade preocupan á cidadanía. Moito máis activo estivo, segundo se desprende das súas propias palabras, para axilizar a apertura das novas instalacións do Aero Club Compostela.

Ata o pasado Pleno de xaneiro, durante case catro anos non fixo absolutamente ningún trámite, escusándose no preito que o Concello mantén contra a construtora por mor de deficiencias nas obras do camposanto. Porén, tal o atraso na resolución do preito non era razón abonda, porque como el mesmo recoñece nestas declaracións, as obras de reparación das deficiencias así como o adecentamento desta instalación municipal, moi danada nestes cinco anos de abandono, que supoñen máis de 200 mil euros, podían terse acometido con orzamento do Concello e, se logo se gañaba o preito, contar con ese ingreso.

O BNG de Ames reitera que o goberno municipal do PP só comezou a preocuparse polo cemiterio nos últimos meses, aos case catro anos de mandato, por mor da presión veciñal e pola acción do valedor do Pobo, perante quen unha familia de Ames afectada pola falta de cemiterio público interpuxo unha queixa.

Por moito que corra agora o alcalde, diante da proximidade das eleccións municipais e da presión do valedor do Pobo e da veciñanza, o cemiterio non vai abrir mañá, precisamente. Ademais do regulamento aprobado no pasado Pleno de xaneiro, cómpre unha ordenanza de prezos, buscar a fórmula de xestión e contratar as obras de reparación. Estes dous últimos pasos requiren senllos concursos públicos cos seus preceptivos prazos. Unha vez estean resoltos, aínda teñen que dar comezo as obras.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/sen-categorizar/santiago-amor-danos-razon/20150207231820000794.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Ames

Bloque Nacionalista Galego | AMES

ames@bng.gal

https://facebook.com/bng.ames

https://twitter.com/obloqueames