Intervención de Ana Pontón na conferencia organizada por Fórum Europa

Ana Pontón invitada polo Fórum Europa (29 novembro 2017)
Ana Pontón invitada polo Fórum Europa (29 novembro 2017)

Neste acto, organizado polo Fórum Europa no Hostal dos Reis Católicos o 29 de novembro de 2017, a portavoz nacional do BNG expuxo as propostas do Bloque Nacionalista Galego para unha Galiza con futuro, afastada da subordinación e a dependencia política e económica que nos empobrece.

Intervención de Ana Pontón na conferencia organizada por Fórum Europa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu máis poder económico e político para Galiza ante os dous grandes debates que están encima da mesa: Financiamento autonómico e modelo de Estado. En ambos retos, a dirixente do Bloque apostou por empoderar Galiza, no financeiro cun concerto económico similar ao de Euskadi e Navarra, e no político con autogoberno real desde o recoñecemento da nación galega, superando o actual marco institucional herdado do réxime do 78.

A proposta do Bloque en materia de financiamento pasa por un concerto económico que permita a xestión do 100% dos recursos do país, cunha facenda e banca públicas que dean paso a unha fiscalidade xusta, -“porque non se pode permitir que as PEMES tributen ao 25%, mentres as corporacións do IBEX 35 pagan un 5%-, e fagan chegar o crédito a familias e empresas.

Incidiu na necesidade de botar por terra “a falsa idea de que Galiza é un país pobre que precisa da solidariedade do Estado”, por contra, “ninguén nos regala nada e aportamos máis do que recibimos”.

En relación ao debate sobre o modelo de Estado, a proposta do BNG está definida nas Bases Democráticas, “para avanzar en soberanía e autogoberno real partindo do recoñecemento pleno da nación galega e camiñar cara unha democracia avanzada e con dereitos”, salientou. “Non temos que ter medo a ser independentes e decidir nós sobre o noso, porque o peor que nos pode pasar é esta relación asimétrica co Estado, unha relación que non é de igualdade, senón de subordinación e de dependencia, e ese problema de dependencia lastra o noso futuro no político, no económico e no social”.