David Santomil encabezará a candidatura do BNG-Asembleas Abertas en Ames

David Santomil encabezará a candidatura do BNG-Asembleas Abertas en Ames

Ames, 31 de xaneiro de 2015.- A asemblea aberta de Ames reuniuse onte á noite no Pazo da Peregrina de Bertamiráns para debater a proposta de candidatos e candidatas ás vindeiras eleccións municipais. A asemblea aprobou por unanimidade a proposta da comisión electoral, polo que será David Santomil Mosquera a persoa que encabece a candidatura do BNG Asembleas Abertas para as eleccións de maio de 2015. Nos seguintes postos da lista incorporaranse Isabel Vaquero Quintela, Alberte Souto Souto, Isabel Moares Rei e Alonso Barreiro Caxade.

candidatura-primeiro-tramo

Coincidencia no diagnóstico e nas principais propostas

A explicación da candidatura correu a cargo de David Santomil, que insistiu en que “era unha proposta que recollía os criterios de renovación, experiencia e representatividade que discutira previamente a asemblea” e que todas as persoas que participan na candidatura fano por “convicción e ilusión, coa seguridade de que o BNG será determinante para pór fin a catro anos de desgoberno do concello, desatención aos veciños e veciñas e loitas de poder entre faccións do Partido Popular”.

Facéndose eco das principais ideas e opinións que se manifestan nas asembleas abertas e encontros con asociacións e colectivos sociais que se están a manter durante estas semanas, David Santomil anunciou que as prioridades da candidatura serán “asegurar de novo que o concello atenda as necesidades sociais básicas, impulsar a rede de servizos sociais como garantía contra os recortes e a crise, tomar a iniciativa na dinamización económica e a creación de emprego e abrir as portas do concello aos veciños e veciñas, garantindo que a elaboración de propostas e ordenanzas, a adxudicación de axudas e a xestión municipal se fai con garantías de participación e transparencia”.

asemblea-aberta

Incorporación de novas persoas e iniciativa somosames.gal para a elaboración do programa

Os traballos de elaboración da candidatura e programa electoral continuarán segundo o calendario aprobado na asemblea aberta. Nas vindeiras semanas intensificaranse os contactos para completar a lista, incorporando persoas que representen as parroquias e núcleos principais do concello, os sectores económicos e asociativos máis representativos da sociedade de Ames. Manterase en calquera caso o criterio de igualdade de número de homes e mulleres no formato dunha lista cremalleira.

Así mesmo, a asemblea aberta decidiu lanzar a iniciativa de participación somosames.gal, mediante a que se continuarán os traballos de debate de propostas e elaboración do programa electoral. somosames.gal disporá dunha web propia que permitirá coñecer e debater as propostas recollidas nas asembleas abertas e nos contactos cos actores sociais do concello de Ames. Estas propostas, xunto coas ideas e iniciativas presentadas nos grupos de traballo das asembleas abertas formarán o programa da candidatura do BNG – Asembleas Abertas.