O BNG pide ao Alcalde de Ames a que revogue o cobro atrasado do lixo no rural

O BNG pide ao Alcalde de Ames a que revogue o cobro atrasado do lixo no rural

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE AMES considera que ante o anuncio do Goberno municipal de bonificar a partir de 2013 a taxa da recollida do lixo no rural hai que felicitar aos veciñas e veciñas do rural desde concello e máis á Plataforma do Lixo polo seu tesón e firmeza á hora de defender os seus dereitos.

Como é costume, o Goberno de Santiago Amor, adopta decisións con tardanza, decatándose agora -curiosamente apenas uns días antes da celebración de eleccións- de que as reivindicacións da veciñanza do rural eran xustas, e asumindo unha das súas reivindicacións.

Porén, dita medida non resolve con enteira xustiza o conflito aberto polo propio Goberno do PP en Ames, xa que fica pendente a ameaza de reclamar máis de 200 euros a cada familia do rural de Ames polo recollida do lixo, malia que nunca antes figuraran no censo da taxa.

O BNG de Ames considera que o Goberno municipal do PP ten que asumir de xeito inmediato a principal reivindicación da Plataforma do Lixo

O BNG agarda que, agora que o Goberno do PP en Ames comeza a entrar en razón, tamén dea outro paso máis, e resolva totalmente o conflito, para o que só ten que aplicar a xustiza e equidade. Esa solución non é outra que a que lle trasladaron miles de veciños e veciñas do rural de Ames a través das alegacións formuladas contra o cobro retroactivo da taxa do lixo no período comprendido entre os anos 2009 e 2011, que consiste en deixar sen efecto dito cobro atrasado.

Nestes momentos de grave crise económica, cando o propio concello vén de incrementar en todo o concello dun xeito substancial impostos como o IBI seguindo as directrices de Rajoy, o Goberno de Ames debe situarse a carón dos veciños e veciñas que atravesan dificultades e asumir, como xa fixo cunha das súas reivindicacións, o remate do conflito do cobro atrasado da recollida do lixo no rural de Ames, revogando a decisión de cobrar os anos anteriores