Onde soterraremos os nosos defuntos?

Onde soterraremos os nosos defuntos?

cemiterio3O 30 de decembro de 2012 morría nun accidente nas Cancelas unha nena de oito de anos. A súa familia, veciña do Milladoiro desde hai  24 anos, non tiña onde enterrala. A súa etnia e a súa relixión convertérona no obxecto dos prexuízos dos cregos que xestionan os cemiterios católicos da parroquia de Biduído, á que pertence O Milladoiro. Dirixíronse logo ao Concello, pero o cemiterio municipal estaba sen abrir. Tiveron que soterrar a súa pequena, de favor, nun cemiterio de Teo, onde repousan temporalmente os seus restos. A familia foi posteriormente foron recibida polo alcalde Santiago Amor, quen, segundo o testemuño do tío da rapaza, lles prometeu “que no ano 2013 estaría aberto o cemiterio municipal”.

Catro anos despois da súa recepción polo Concello, o cemiterio segue sen funcionar e nun estado de total abandono.

O cemiterio segue sen ofrecer servizo e agora o señor alcalde nin sequera atende a familia, que está desesperada: actualmente teñen unha familiar en estado moi grave e xa se ven afrontando de novo a mesma situación.

Un cemiterio sen abrir ao público

O 29 de xaneiro de 2010 o Concello de Ames recibiu formalmente as obras do cemiterio municipal. Dende aquela segue sen abrirse ao público, aínda que se trata dun servizo obrigado para os concellos (é unha das contadas “competencias propias” que lles deixa a Lei de reforma local do PP ) e deteriorándose. A razón de fondo é que aínda está pendente a resolución do sistema de xestión que vai rexer o seu funcionamento, froito da incapacidade dos gobernos do socialista Carlos Fernández primeiro (que recibiu a obra) e posteriormente do popular Santiago Amor, que leva gobernando case tres anos. O pasado mes de xullo o goberno de Amor solicitou lle á Deputación da Coruña un estudo económico-financeiro sobre a futura explotación, do que aínda non se sabe nada, no que constitúe para o BNG unha infrautilización e  desprezo dos técnicos/as municipais.

A falta dun cemiterio municipal estase a converter nun serio problema para cidadáns que non teñen onde soterrar os seus seres queridos.

A Lei de Bases do Réxime Local recolle certos servizos públicos de obrigado cumprimento, como o abastecemento de auga potable e o tratamento de augas residuais, a xestión do lixo e os cemiterios e actividades funerarias. Nos tres servizos básicos falla estrepitosamente o goberno municipal, sobre todo no caso  do cemiterio público, que non está operativo malia existir oficialmente dende 2010 e contar con máis de 2000 nichos, unha capela-oratorio e outros servizos como depósito de cadáveres, ou osario, e aparcadoiro para 121 turismos e catro autobuses. A obra comezou en 2003, con cargo a diversos programas tanto do goberno central como da Xunta de Galicia, que supuxeron un investimento próximo aos 2 millóns de euros.

O BNG esixe a inmediata posta en funcionamento do cemiterio e que o goberno municipal ofreza unha solución ás familias afectadas.

O BNG de Ames esixe que o Concello asuma de xeito inmediato a xestión deste servizo, ben directamente ou ben a través dunha empresa pública, así como a inmediata reparación dos elementos destrozados como pasos necesarios para que o cemiterio municipal poida entrar en funcionamento o máis axiña posible.

O BNG de Ames esixe que o goberno de Santiago Amor lle ofreza unha solución a esta e a calquera outra familia que poida atoparse na mesma situación.

*Preme aquí para descargar en formato PDF a SOLICITUDE DE ACCESO AO CEMITERIO

*Preme aquí para descargar en formato PDF o DOCUMENTO DE RECOLLIDA DE SINATURAS