O BNG de Ames censura a xestión económica do goberno de Ames en 2012

O BNG de Ames censura a xestión económica do goberno de Ames en 2012

O BNG de Ames rexistrou un escrito de alegacións á conta xeral do Concello de Ames en 2012, no que denuncia o engano do Alcalde e do seu equipo de goberno á hora de presentar o resultado das contas.

Para o BNG de Ames a conta xeral en 2012 resúmese en máis impostos, menos investimentos e deterioro dos servizos públicos. O alcalde Amor vende como “éxito” económico o que en realidade é unha nefasta xestión que as propias contas presentadas demostran.

Denuncia que a xestión económica do PP consistiu en subir impostos, deixar o orzamento sen executar e deteriorar os servizos públicos municipais e pide ao Pleno que reprobe a xestión económica do Goberno Local en 2012

Os populares defenden que o superávit de 3,2 millóns de euros e o remanente de tesourería de 190.000 euros é un éxito que se debe a “unha política orzamentaria baseada na supresión de gastos innecesarios e o control do endebedamento, mantendo no posible as políticas e programas sociais que benefician o conxunto da poboación”. Pola contra, para o BNG trátase do resultado da ineficaz asignación e aproveitamento dos recursos económicos con que conta o concello:

- O PP subiu a presión fiscal ao conxunto das veciñas e veciños de Ames dun xeito desproporcionado. En plena recesión económica aumentou máis dun 11% da recadación de impostos directos sen que se investira máis nin se melloraran os servizos públicos.

- Viuse beneficiado de xeito sobrevido dun plan excepcional e puntual de pagamento a provedores, sen continuidade e efectos neste exercicio económico, co que se converte nun alivio puntual e non nunha medida política estrutural para a xestión económica do Concello.

- Aplicou recortes substanciais no emprego público do Concello, tanto nos salarios como nos postos na institución local. En conxunto, os gastos de persoal sufriron un retroceso de máis do 11,5%.

- E, sobre todo, demostrou unha acusada incapacidade na xestión dos fondos públicos do orzamento: foi incapaz de executar o 67,8% do capítulo de investimentos (case 3 millóns de euros fican na gabeta) e o 30,4% en gastos de capital, cando se trata precisamente daqueles fondos que máis contribúen á incentivar a economía no concello e fortalecer os servizos públicos locais e cando moitas persoas e entidades asociativas amesás aínda están pendentes de cobrar subvencións desde hai anos.

Por outra banda, coa entrada en vigor da actual normativa de estabilidade orzamentaria, o Concello terá que destinar o superávit á amortización da débeda. Dese xeito, en Ames perdemos de afortalar e mellorar servizos públicos e de incentivar a economía do Concello; o superávit non se poderá recuperar para Ames, senón que irá directamente á amortización de débeda, é dicir, para a banca privada. Incrementa así o déficit real, que é o social, con peores servizos locais e máis parálise na actividade económica local. O goberno de Ames segue estritamente os ditados do PP de facer políticas para as elites e para a banca, afogando a maioría da poboación.

Por todas estas razóns, o BNG de Ames solicita ao Pleno do Concello que reprobe a xestión económica do goberno local en 2012, dado que o PP se limitou a subir impostos, deteriorar servizos públicos locais e deixar moitas necesidades sen atender por realizar unha pésima xestión dos investimentos locais.

 

O BNG de Ames censura a xestión económica do goberno de Ames en 2012