Na Galiza hai pensionistas pobres: case o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo, sendo especialmente preocupante a situación das mulleres xa que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos está por baixo do limiar da pobreza. Ademais, moitas familias teñen nas pensións a súa única fonte de ingresos.
Para corrixir esta situación o BNG propón un sistema público de pensións galego, solidario e con suficiencia financeira, porque é a única maneira de garantir unha pensión digna despois de toda unha vida de traballo. E ademais, fronte ao discurso interesado do PP e da banca, é perfectamente viábel.
AS NOSAS PROPOSTAS
- Favorecer a creación de emprego de calidade como mellor vía para garantir ingresos que paguen as pensións.
- Derrogación das reformas laborais.
- Reclamar para Galiza a xestión da Seguridade Social.
- Demandar que as empresas, con centro de traballo en Galiza paguen os impostos e as cotización sociais aquí.
- Recuperar a idade de xubilación aos 65 anos.
- Cómputo da pensión se realice en base aos 15 mellores anos da vida profesional dos e das traballadoras.
- Establecer o importe da pensión mínima no equivalente ao 60% do salario medio.
- Incrementar as pensións non contributivas en 100 euros. É unha necesidade social que hai que atender con urxencia, xa que en Galiza afecta a 40.000 persoas, cunha prestación de miseria que as coloca en situación de auténtica pobreza.