Un goberno centrado en Ames
O grupo municipal do BNG de Ames fai balance dun mandato marcado pola incidencia da COVID-19 na política local. Dous anos de forte aposta do goberno de coalición polas políticas sociais, a axuda aos colectivos máis afectados pola crise sanitaria e a mellora de infraestruturas públicas.
A situación motivada pola pandemia dende o mes de marzo de 2020 supuxo un punto de inflexión na política e un cambio nas prioridades do goberno municipal aos nove meses de iniciarse o mandato 2019-2023. Este novo escenario, que afectou de forma tan directa á sociedade, puido afrontarse con garantías grazas á capacidade de traballo e a solvencia dun goberno estable e cohesionado que xa contaba coa experiencia acumulada dende o ano 2015.
Unha boa mostra da capacidade de adaptación á nova situación foi a modificación orzamentaria, para poder afrontar as necesidades máis urxentes e que permitiu dotar ao Concello de Ames do quinto orzamento municipal anual consecutivo que xa se aproxima aos 30 millóns de euros no ano 2021, para unha poboación que supera actualmente os 32.000 habitantes.
A estabilidade política e orzamentaria resultou fundamental para afrontar unha etapa de enormes dificultades, priorizando dende un primeiro momento as axudas e a atención ás persoas e ás familias con maiores necesidades a través dos servizos sociais do Concello de Ames e dos programas de conciliación da vida laboral e familiar nos centros escolares, entre outros. Así como as axudas aos colectivos máis afectados coa parálise da mobilidade e a actividade laboral, en particular os autónomos e as pequenas empresas locais a través do Plan Reactiva Ames e a colaboración con outras institucións, en particular as axudas da Deputación da Coruña a través do PEL e a Xunta de Galicia. Neste senso, a colaboración institucional resultou fundamental e Ames foi un exemplo de traballo conxunto nun tempo no que a xente agardaba a máxima implicación dos responsables políticos para afrontar esta situación. Unha boa mostra desta cooperación foi a posta en funcionamento do novo centro de saúde do Milladoiro en xaneiro de 2021 ou a finalización do novo comedor escolar do CEIP A Maía no mes de maio.
Neste período o Concello de Ames, como institución, foi capaz de adaptarse ás necesidades de teletraballo para seguir a funcionar no día a día, tanto na xestión administrativa como na actividade política. Adaptámonos á administración electrónica e á
realización de xuntanzas en liña do goberno, comisións e Plenos da Corporación ou a manter o contacto non presencial co tecido asociativo e con outras administracións. Neste senso, trasladamos o noso máximo recoñecemento aos traballadores e traballadores do Concello de Ames, que deron e seguen a dar o mellor de cadaquén, demostrando unha enorme profesionalidade e responsabilidade.
Por si os cambios foran poucos, no mes de abril de 2021, no primeiro aniversario do inicio da pandemia, houbo un cambio na alcaldía do Concello de Ames. A exemplaridade coa que se realizou esta transición e o nomeamento do novo Alcalde reforzou a unidade e a comunicación interna e animou a seguir a desenvolver o noso programa de goberno de cara ao 2023.
Ademais dos xa citados programas de conciliación, que mantiveron con éxito a súa actividade durante todo o curso escolar 2020/21 e da administración electrónica, reforzamos o traballo realizado no ámbito da cultura, mocidade e normalización lingüística. Entre as que destacamos a reprogramación de actividades, o dinamismo das bibliotecas municipais cos Encontros Literarios ou os Dixicontos, a adaptación da Radio Municipal e a Escola de Música á nova situación e creando o Consello Sectorial da Cultura como órgano de participación. O impulso á oficina de información xuvenil OMIX, o novo festival SolporSon, a creación de espazos de lecer como os anfiteatros e os parques de calistenia, ou programas específicos de fomento do galego como Youtubeir@s, Galetiktokers, Apego, arte urbana e Trouleando, entre outros.
En consecuencia, o grupo municipal do BNG de Ames fai un balance positivo no ecuador deste mandato despois de dous anos moi complexos, pero que permiten traballar con optimismo e establecer novos retos que temos por diante, como exemplo destacar os investimentos previstos no Plan EDUSI – Impulsa Ames, a construción dun novo CEIP no Milladoiro e a cociña central en Bertamiráns, o necesario proxecto de reurbanización da Avenida Rosalía de Castro na N-550, a mellora de equipamentos culturais e deportivos, a dotación de infraestruturas no rural, a necesaria recuperación ambiental do río Sar e a creación dunha empresa municipal de xestión do ciclo integral da auga, entre outros, como exemplo dun Ames máis sostible e integrador para vivir e traballar. En definitiva, con futuro.
Con este obxectivo e coa experiencia adquirida durante os seis anos de goberno agardamos, en consecuencia, seguir a aumentar a confianza dos nosos veciños e veciñas no proxecto político do BNG reforzado nas eleccións municipais, autonómicas e do Estado, cun apoio maioritario que situou ao nacionalismo galego como lista máis votada da esquerda en Ames en xullo de 2020. Do mesmo xeito, agardamos seguir a reforzar a nosa organización interna coa incorporación de novos afiliados/as e simpatizantes de todas a idades que cada día están a sumarse ao proxecto anovador do BNG de Ames. Un goberno centrado en Ames.