No Día Mundial da Auga, o BNG de Ames aposta por municipalizar a xestión da auga de xeito permanente
O vindeiro sábado 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga. Co gallo desta celebración o BNG de Ames volve apostar pola xestión pública de tan importante ben, pois presenta vantaxes económicas, democráticas e de xestión.
A xestión integral da auga está pendente no Concello de Ames dunha decisión que o goberno do PP non acaba de adoptar, cando a prórroga da concesión remata en setembro de 2014. En efecto, xa transcorreron seis meses do remate da concesión do servizo, que está prorrogado por un ano, e catro desde que o concurso de licitación do ciclo integral da auga quedara deserto no noso Concello. O goberno Amor encargou estudar as posibilidades de municipalización do servizo de abastecemento e saneamento, co obxectivo de avaliar a súa viabilidade. No pasado mes de febreiro a Comisión Municipal de Abastecemento e Saneamento de Ames, da que forman parte executivo, técnicos e oposición, recibía o informe técnico elaborado polo interventor e a secretaria municipal, no que se expoñen as distintas posibilidades de prestación existentes e as súas características, así como as principais vantaxes e inconvenientes.
O BNG insta ao goberno do PP a que supere a súa incapacidade e adopte unha decisión sobre a xestión deste servizo
Para os técnicos municipais cómpre adoptar unha solución transitoria por dous anos, que fundamente a decisión final, mais o informe técnico aconsella encomendar ou delegar o servizo a un ente público para este período. É dicir, avogan pola xestión directa polas súas enormes vantaxes económicas e escollen, entre o abano de opcións (propia da administración, organismo autónomo, entidade pública empresarial ou sociedade mercantil con capital público maioritario), unha das suxeitas ao dereito administrativo, para o cal poñen como exemplo de xestión a Empresa Municipal Augas da Coruña.
Seis meses despois do remate da concesión e un mes despois da presentación do informe técnico municipal, o goberno Amor segue sen adoptar unha decisión
O BNG anima ao goberno municipal a asumir esta xestión pública o máis axiña posible, de xeito permanente, xa que a prórroga da concesión actual remata no mes de setembro de 2014, e cómpre moito traballo para poder asegurar a continuidade do servizo sen problemas. Trataríase dun servizo público máis nun concello que ten estendido ese modelo de xestión directa dos servizos (escolas infantís, comedores escolares, servizos de conciliación, xestión espazos culturais, etc.) con grande éxito e satisfacción cidadá.
O beneficio dos servizos de abastecemento e saneamento, tan apetecido polas empresas concesionarias, debe retornar aos veciños e veciñas de Ames. O BNG de Ames aposta por que a nova xestión da auga se faga pública no aspecto económico e de xestión, que se preste con responsabilidade ambiental, con transparencia e participación cidadá.