Inicien de inmediato as xestións para o novo centro de saúde do Milladoiro!
Aínda que o PP non preveu nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2014 nin un só céntimo para o novo Centro de Saúde do Milladoiro, o certo é que o Sergas pode botar man de partidas dos orzamentos deste ano para iniciar as obras neste mesmo ano, posibilidade que se abre ao estar cumpridos unha serie de requisitos dende hai tempo.
Tres parcelas posibles
O Milladoiro dispón de tres parcelas utilizables para construír o Centro de Saúde; dúas, a ambas as beiras da Travesía do Porto, podería cederllas ao Sergas de inmediato; doutra, máis afastada do núcleo do Milladoiro, tería que poñer en suspenso a cesión xa feita para cederlla ao Sergas.
A parcela cedida ao Sergas dende 2008 (5 mil m² no S-15, Travesía do Porto Sur) está afectada de novo por un contencioso dun particular sobre a súa edificabilidade (tras unha anulación do Plan parcial polo TSXG). Aínda que sería legal comezar as obras, crea un marco de inseguridade xurídica que o prexudica.
O BNG insta ao goberno municipal a ceder de inmediato unha parcela libre de problemas ao Sergas. Hai tres parcelas dispoñibles.
En 2010 o Concello de Ames cedeu a parcela EQ-3, de 4.700 m², do polígono de Galdrachán (entre o instituto e o polígono do Novo Milladoiro) á Xunta, para o parque de bombeiros, do que non se sabe nada. Ademais, en 2012 procedeu a unha modificación dos plans parciais dos sectores S-14 Travesía do Porto norte e S-16 Galdrachán do Milladoiro, co que se obtivo unha parcela de 8.000 m² ao pé da Casa da Cultura e das pistas deportivas apto para construír un novo equipamento público; posteriormente o PP cedeulle 2.000 m² á Igrexa Católica, mais aínda están dispoñibles uns 3000 m².
O BNG insta ao Concello de Ames para que ceda o máis axiña posible esta última parcela, aó pé das pistas deportivas, ao Sergas para a construción do novo centro.
Dous proxectos aprobados
O Sergas conta con dous proxectos aprobados dende o ano 2009, que custaron en total 131.438 euros, para un centro de saúde que aínda non se construíu.
O BNG esíxelle ao Sergas que realice neste mesmo ano a modificación dun dos dous proxectos aprobados para o novo centro, co fin de adaptalo á nova parcela que se ceda.
En marzo de 2009 o goberno do bipartito licitaba o proxecto básico e de execución do novo centro sobre a base dun proxecto funcional pensado para unha poboación de 15 mil habitantes.
Segundo este proxecto o novo centro contaría con sete consultas de medicina xeral, sete consultas de enfermería, unha consulta para matronas, unha sala de educación maternal, dúas consultas de odontoloxía, unha para o traballador social, unha sala de mostras, unha para a realización de cirurxía menor, e cinco consultas polivalentes. Tamén tería consulta de fisioterapia, dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería de pediatría. Ademais de todo o antedito, contaría con arquivo de historias clínicas e sala de xuntas/biblioteca, entre outras dependencias. O proxecto gañador estaba pensado para unha superficie construída de algo máis de 2000 metros cadrados.
Só uns meses despois o novo goberno do PP volveu licitar o proxecto do centro de saúde sen que se coñeza a causa, concurso que desta volta gañou a empresa de Manuel Vázquez Muíño.
O BNG esixe que o Sergas realice de xeito inmediato as modificacións necesarias para unicamente adaptar o proxecto ás características da nova parcela. E que no orzamento de 2015 se recollan as cantidades necesarias para afrontar a construción do novo centro coa maior celeridade.
Aínda que tal e como recoñeceu a conselleira Rocío Mosquera e xa denunciou o BNG de Ames, non está previsto orzamento este ano para a construción do novo centro de saúde, entendemos que a Xunta de Galicia pode realizar os reaxustes precisos no orzamento de 2014 para iniciar as xestións das obras en canto o Concello ceda a parcela correspondente.
Por outra banda, o BNG de Ames reclama información do Concello para toda a cidadanía sobre o custo das obras necesarias no actual centro de saúde, que ocupa un edificio municipal, e sobre quen vai asumilo.