Alberto Ramos Caneda, número 14 da candidatura do BNG de Ames
Nova fichaxe no posto 14, xente que volve ao BNG despois de anos fóra da organización.
O noso "indie" de referencia: as camisolas de raias nos seus perfís o delatan. Un gran currículo nun campo que parecía que non importaba tanto, como é a saúde mental, até que chegou a pandemia da Covid-19. Pero sobre todo un pai de Ames, coñecedor da importancia da conciliación e orgulloso usuario dos servizos do programa "Conciliames" que xestionamos desde o BNG.
"Nacín en Ogrobe, pero levo xa camiño de doce anos en Ames. Aquí naceron as miñas dúas fillas.
Licencieime en Medicina e Cirurxía na Universidade de Santiago de Compostela, fixen a especialidade de Psiquiatría no CHUAC e ampliei experiencia laboral no Zucker Hillside Hospital de New York. Agora traballo como psiquiatra na sanidade pública, en Carballo.
Realizo ocasionalmente charlas sobre prevención de suicidio, coidados e saúde mental en varias asociacións de veciños, centros escolares e concellos de Galiza. Na actualidade ocupo a meirande parte do tempo non laboral na crianza e coidado das miñas fillas, como tantas veciñas e veciños de Ames".