O BNG de Ames consegue que o Pleno da corporación do Concello se comprometa a realizar a senda peonil en varios tramos do Camiño de Santiago a Fisterra á que o PSOE e o PP decidiran renunciar
No anterior Pleno, celebrado o pasado 11 de setembro, decidírase cos votos favorables do PSOE e o PP deixar sen os fondos,xa comprometidos anteriormente, a realización dunha senda peonil en varios tramos do Camiño de Santiago a Fisterra. O BNG, consciente da importancia do Camiño en termos turísticos e da perigosidade que supón para os peregrinos e visitantes presentou unha Moción para que este proxecto non se abandonase e logrou que saíse adiante por unanimidade.
O proxecto da senda peonil en varios tramos do Camiño de Santiago a Fisterra ao seu paso pola parroquia amesá de Trasmonte ata o lugar de Pontemaceira, estaba aprobada xa dentro do Programa Ames Progresa 2021-2023 e contaba con 212.000 euros de fondos. Pero no pleno do pasado 11 de setembro o goberno municipal co apoio de PP decidiu desatender a súa realización e adicar os 212,000 euros a outras actuacións alegando que ao non contar coas autorizacións sectoriais de Augas de Galicia e Patrimonio a obra non se podería executar en prazo e se perderían os fondos.
Un argumento que o voceiro do BNG David Santomil desmentiu de forma contundente “ basta con mirar o suplemento que aprobamos no mes de maio para ver as actuacións que estaban previstas e hai unha longa lista co acordo de tres forzas políticas que abarca casi 90 investimentos diferentes, moitos deles non van a estar realizados antes de finais de ano, de tal xeito que moitos deses 5 millóns de euros que aprobamos no seu momento non van a estar executados, polo tanto ese argumento de que se non está feita a obra antes de final de ano perdemos os cartos non se corresponde coa realidae, non é certo, o que hai é que dicir a verdade e falar cos veciños”.
Coa presentación desta moción o BNG de Ames ve acadado o seu o empeño por mellorar a seguridade viaria e peonil nese tramo do Camiño de Santiago a Fisterra e consegue o compromiso de realización e procura de financiamento ao ser aprobada por unanimidade do pleno.