A xudicialización da política local por parte do Partido Popular de Ames ocasiona graves consecuencias para a veciñanza

Nota de prensa: a xudicializacion vida politica PP de Ames
Nota de prensa: a xudicializacion vida politica PP de Ames
A xudicialización da política local por parte do Partido Popular de Ames ocasiona graves consecuencias para a veciñanza

Contencioso sobre o IBI

A sentenza que anula a ordenanza fiscal sobre o Imposto de Bens Inmobles do ano 2020, aínda que non é firme, ocasionará previsiblemente unha redución de ingresos municipais de entre 700.000€ e 800.000€ no orzamento dos próximos anos, e condicionará a realización de importantes investimentos municipais, ao tratarse da principal fonte de ingresos do Concello de Ames para financiar o funcionamento dos servizos públicos.

A negativa dos concelleiros/as do PP de Ames a recoller as notificacións das convocatorias do Pleno da Corporación dos días 27 e 28 de decembro de 2019 e a posterior presentación dun recurso contencioso - administrativo por vulneración de dereitos fundamentais por parte dos mesmos concelleiros/as, pode ocasionar a perda de ingresos do Concello de Ames nun dos momentos máis complexos en termos sociais e económicos motivados polo impacto da COVID19.

 

Sentenza da Mancomunidade Serra do Barbanza

O Partido Popular de Ames parabenizouse recentemente da sentenza que obriga ao Concello de Ames a pagar uns 250.000€ á Mancomunidade Serra do Barbanza pola recollida do lixo. Mais a realidade é que os feitos que motivaron esta sentenza desfavorable para o Concello tiveron lugar no ano 2014, cando gobernaba o Partido Popular en Ames e nun momento de máxima tensión nas liortas entre o actual voceiro do PP, Ramón García Argibay e o exalcalde popular Santiago Amor.

Un dos principais obxectivos desta actitude do PP, xa coñecidos, é poñer en cuestión a viabilidade da permanencia do Concello de Ames na Mancomunidade Serra do Barbanza. Neste senso, dicir que dende o BNG de Ames temos claro que SOGAMA nunca vai ser a solución ao tratamento do lixo do concello de Ames e trasladamos todo o noso apoio aos traballadores/as da planta de Lousame.

Dende o BNG de Ames consideramos dunha enorme irresponsabilidade a actitude destrutiva do Partido Popular no peor momento posible, polo que instamos aos seus concelleiros e concelleiras a sumarse na procura de solucións para superar esta situación de crise económica e sanitaria.

A xudicialización da política local por parte do Partido Popular de Ames ocasiona graves consecuencias para a veciñanza