FORMULAN MEDIDAS EN MATERIA DE VIVENDA E INFRAESTRUTURAS, PROPOÑEN UN PLAN PARA A TERCEIRA IDADE, IMPULSO AO COMERCIO LOCAL, UN PROXECTO DE XESTIÓN DE COMPOSTAXE COMUNITARIA E MAIOR INVERSIÓN NO RURAL

O BNG traslada quince propostas para negociar co Goberno Local os orzamentos municipais de Ames

Grupo Municipal do BNG de Ames
Grupo Municipal do BNG de Ames

 

Os nacionalistas denunciaron en numerosas ocasións a falta de responsabilidade e planificación do goberno socialista pola falta de interese en negociar uns orzamentos actualizados.

Este primeiro encontro enmárcase no propósito do BNG de seguir levando a cabo  unha política útil e construtiva, centrada nas demandas e necesidades das amesás e dos amesáns

 

O BNG traslada quince propostas para negociar co Goberno Local os orzamentos municipais de Ames

 

O Grupo municipal do BNG de Ames formula quince medidas para avanzar cara un modelo de concello máis xusto, sostible e centrado na vida cotiá da veciñanza. “Son propostas plenamente asumibles dende o ámbito municipal e orientadas a dar resposta ás necesidades reais: como o dereito ao acceso á vivenda, a envellecer dignamente, á mellora das infraestruturas deportivas, á protección ambiental e ó equilibrio entre o medio urbano e rural”, explica a voceira nacionalista Escarlata Pampín.

O primeiro encontro tivo lugar onte co obxectivo de establecer un marco inicial de comunicación, intercambiar impresións e avaliar puntos de entendemento sobre cuestións de interese xeral. Nesta xuntanza o BNG  expresou a súa vontade  de chegar a acordos para acadar uns orzamentos beneficiosos para a veciñanza amesá. “Esta negociación enmárcase no propósito do BNG de seguir levando a cabo  unha política útil e construtiva, centrada nas demandas e necesidades das amesás e dos amesáns” resalta a voceira, Escarlata Pampín. “Na reunión de onte, dende o BNG establecemos as premisas previas para comezar a negociación, con propostas en positivo e coa vontade de dialogar e chegar a acordos se son bos para Ames”, engade Pampín.

En materia de vivenda,o BNG de Ames resalta a modificación da ordenanza do IBI, a aprobación da ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico e reservar unha porcentaxe para a construción de vivenda pública en  Bertamiráns.

Para a terceira idade destacan un centro municipal de envellecemento  activo,  un servizo municipal de acompañamento, e un plan de municipal contra a soidade non desexada.
No referente ao impulso do comercio local salientan duplicar a contía destinada a Bonos Consuma e  axudas ao comercio do Milladoiro creando unha partida orzamentaria especifica.
No tema das infraestruturas realzan un proxecto técnico de Pavillón Deportivo Municipal , dotar de espazos de encontro para a mocidade e  regularizar as instalacións municipais como o ximnasio municipal da Telleira.
En materia  medioambiental  un plan de xestión de compostaxe comunitario, a recuperación ambiental do río Sar e a conversión do tramo  ferroviario abandonado entre Fraiz e A Moniña en senda verde.
Os nacionalistas recollen tamén varias peticións das asociacións rurais para o adecuada redistribución dos fondos das subvencións culturais e reforzar con fondos propios actuacións municipais como servizos básicos, acondicionamento de espazos comunitarios e contribuír á fixación de poboación no rural.

 Escarlata Pampín destaca que “sendo o EDIL o programa de investimentos máis importante que vai desenvolver Ames nos vindeiros anos, consideramos que se debe priorizar a vertebración do municipio mediante a implantación dun sistema de transporte público e unha senda ciclable entre Bertamiráns e Milladoiro. Tamén reclamamos o transporte municipal que conecte os núcleos rurais con Bertamiráns e Milladoiro”.

O BNG traslada quince propostas para negociar co Goberno Local os orzamentos municipais de Ames