PP E ESPAZO COMÚN VOTARON EN CONTRA

O pleno aproba a moción do BNG para fomentar a mobilización da vivenda baleira mediante un recargo no IBI

Momento da votación da moción  presentada polo BNG de Ames
Momento da votación da moción presentada polo BNG de Ames

 

O recargo afectará exclusivamente a persoas ou entidades que posúan catro ou máis inmobles residenciais e manteñan vivendas baleiras durante máis de dous anos sen xustificación, establecendo ademais excepcións claras para situacións acreditadas.

A formación nacionalista destaca que é o único partido que levou iniciativas concretas ao pleno en materia de vivenda, demostrando con feitos unha aposta clara e continuada por políticas públicas que garantan o dereito a unha vivenda digna. 

PP e Espazo Común votaron en contra, rexeitando unha proposta orientada a mobilizar vivenda existente e aliviar a presión sobre o mercado residencial, a  proposición si contou co apoio do PSOE.

O pleno aproba a moción do BNG para fomentar a mobilización da vivenda baleira mediante un recargo no IBI

Acadar unha vivenda accesible en condicións adecuadas para todas as persoas é un dos principais obxectivos para o BNG de Ames, neste sentido a formación nacionalista leva meses propoñendo solucións para resolver a crise habitacional que sofre a veciñanza. No pleno de maio de 2025, presentou unha moción na que pedía frear o aumento do prezo dos alugueiros, facilitar o acceso social á vivenda, iniciar os trámites precisos para lograr a declaración de Ames como zona tensionada e  adoptar as medidas necesarias para frear a proliferación de vivendas de uso turístico (VUT) no concello. Neste caso a moción nacionalista non contou co voto favorable nin do PSOE nin do PP, impedindo a posta en marcha destas iniciativas.

En setembro de 2025, os nacionalistas organizaron  unha xornada sobre vivenda no Milladoiro na que expertos e asistentes debateron sobre a situación actual e o modelo de futuro na que resaltaron que  “Non podemos permitir que a vivenda se convirta nunha simple mercadoría, para o BNG de Ames é preciso blindar o dereito de acceso de todas as persoas a unha vivenda digna e adecuada que satisfaga as súas necesidades básicas”.

Do mesmo xeito Escarlata Pampín, voceira do BNG de Ames viaxou a Bruxelas para reunirse coa Comisión de Vivenda do Parlamento Europeo e demandar o dereito a unha vivenda digna, sostíbel e accesíbel para a veciñanza amesá.  Na xuntanza trataronse  diversos aspectos relacionados con esta grave problemática, como a vivenda baleira,  a falta de parque público de vivendas, o uso de vivendas turísticas e as dificultades que ten a xente moza e a xente traballadora para acceder a un fogar digno.

“Nós imos seguir esixindo medidas firmes de todas as administración porque non imos permitir que a vivenda se convirta nunha simple mercadoría, sempre protexeremos o dereito á vivenda en Ames”, recalca Pampín.

O pleno aproba a moción do BNG para fomentar a mobilización da vivenda baleira mediante un recargo no IBI