A ASEMBLEA LOCAL DO BNG DE AMES DECIDE POR UNANIMIDADE NON APOIAR O ORZAMENTO DO 2026 ANTE A IMPOSIBILIDADE DUN PROCESO REAL DE DIÁLOGO
O BNG de Ames lamenta o desinterese do goberno municipal na negociación dos orzamentos
Para o BNG as medidas en materia de vivenda pública son unha cuestión fundamental que o goberno se negou a tratar, rexeitando a proposta nacionalista de reservar unha porcentaxe para a construción destes inmobles nas cinco parcelas de titularidade municipal de Bertamiráns que puxo á venda.
“O orzamento é a principal ferramenta de acordo político que pode haber nun Concello e pese a iso o goberno local non afrontou as negociacións nin con responsabilidade, nin con diálogo, nin con transparencia”, salienta a voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín.
O BNG de Ames subliña que para eles é prioritario o aspecto social, “e aí queremos facer especial fincapé na política de vivenda pública, por iso lle propuxemos ao goberno municipal que reservase unha porcentaxe para a construción destes inmobles nas cinco parcelas de titularidade municipal de Bertamiráns que puxo á venda”. A negativa a aceptar esta medida por parte dos socialistas, argüíndo que como os procesos se atopan xa en licitación non poden ser modificados, motivou o receo dos nacionalistas que sosteñen que o Concello pode desistir baseándose no interese público dado que os procedementos están nestes momentos en proceso, non resoltos. “É imposible negociar con quen non está interesado, chegamos á xuntanza coa mellor das vontades, pese a que nos chamaron cando xa estaba anunciada a data do pleno para a aprobación do orzamento, que era en menos de tres semanas, o que daba idea de que non tiñan nin o máis mínimo interese en dialogar”, explica Pampín.
“Presentamos unhas propostas plenamente asumibles dende o ámbito municipal e orientadas a dar resposta ás necesidades reais: como o dereito ao acceso á vivenda, a envellecer dignamente, á mellora das infraestruturas deportivas, á protección ambiental e ó equilibrio entre o medio urbano e rural, pero a maioría delas non as aceptaron. Cremos que o obxectivo foi dende sempre bloquear a negociación”, destaca a voceira.
En febreiro de 2024 o BNG facilitou,coa súa abstención, a aprobación dos orzamentos e lograron incluír neles diferentes propostas, aínda que poucas delas se levaron a cabo, “nós priorizamos daquela e agora as necesidades da veciñanza, fronte ó goberno socialista que pon por diante os intereses do seu grupo político, e iso nós non o podemos consentir”, sinalan.
Para os nacionalistas estes orzamentos son “continuístas e irreais, non se adaptan á realidade cambiante do concello nin son beneficiosos para a veciñanza amesá, o que consideran unha irresponsabilidade”, por iso a asemblea local do BNG de Ames decidiu por unanimidade non apoialos.