CELEBRAMOS QUE O GOBERNO SOCIALISTA SE SUME A UNHA INICIATIVA HISTÓRICA DO BNG COA XUNTA E O ESTADO
A Asemblea Local do BNG de Ames apoia a humanización do Milladoiro sempre que incorpore a gratuidade da AP-9
A Asemblea Local do BNG de Ames decidiu apoiar o proxecto da humanización do Milladoiro sempre que inclúa a liberalización de peaxes da AP-9. Tamén se confirmou a necesidade de desdobrar a variante Pardiñas-As Galanas así como remodelar a rotonda das Galanas como xa se comprometera o Ministerio. Estaremos vixiantes do desenvolvemento das obras e as súas repercusións
O alongamento da AP-9 como circunvalación libre de peaxe, é un tema considerado de especial interese e que o BNG leva defendido nos últimos anos con múltiples accións e iniciativas institucionais levándoo incluso ao Congreso. Unha AP-9 libre de peaxes, revertería no baleirado de tráfico no tramo da N550 ao seu paso polo concello de Ames. Esta cuestión foi recollida no acordo de investidura asinado polo BNG e o PSOE en novembro de 2023 onde se estipulaba que os Orzamentos Xerais do Estado para 2024 incluirían novos descontos nas autoestradas AP-9 e AP-53. Establecendo os descontos para usuarios superrecorrentes (incluídos os vehículos pesados) na AP-9, do 20% actual até o 50%, equiparando os descontos na AP53 aos da AP9 e comprometéndose a seguir traballando para conseguir a gratuidade da peaxe.
Non podemos esquecer que O Milladoiro ten máis de 15.000 habitantes e que a estrada N-550 que atravesa a localidade aproveitando a avenida principal, Rosalía de Castro, divide o núcleo e causa problemas de seguridade e ruído, dado o gran volume de tráfico. Estes problemas da N-550 no Milladoiro son a consecuencia da política urbanística do PP na década dos 90 e que agora hai que solucionar.
No último pleno celebrado en Ames este 11 de setembro, os nosos concelleiros Natividade González e Carlos Vieito preguntaron de novo por como se ía levar a cabo a humanización. Que se trasladase á veciñanza e ao comercio do Milladoiro a información da que carecen sobre a intervención na N-550 e que, visto xa as molestias que ocasiona a humanización e padecendo o tránsito que está habendo co comezo do curso escolar, si xa se tiña previsto ou xa se contactara coa Xunta para buscar algunha variante ou alternativa ao tráfico que vai supor o inicio das obras. Ó que se nos contestou que non lle correspondía ao goberno municipal contactar directamente coa Xunta e que as vías autonómicas son públicas polo que non é necesario pedirlle permiso a ninguén para usalas e que a policía local estaba elaborando un plan de desvío das vías alternativas que vai haber.
Agora celebramos que goberno socialista se sume a unha iniciativa histórica do BNG coa Xunta e o Estado e que presente unha moción para reclamar ao goberno central a gratuidade do tramo da AP-9 entre Santiago e Padrón. Aínda que ao Bloque de Ames non nos abonda con liberar este tramo durante as obras, senón que esiximos, como sempre fixemos,rematar coa concesión e traballar por unha AP-9 galega e libre de peaxes. Unha demanda afianzada ademais pola Comisión Europea que, este mesmo ano abriu un expediente de infracción a España pola ampliación da súa concesión ata o ano 2048 o que fai que a nosa petición de rematar coas peaxes e acadar unha autopista gratuita estea máis preto.