O BNG de Ames leva a pleno a situación dos centros escolares amesás
Este xoves 26 terá lugar o pleno no que o BNG presenta unha moción de urxencia sobre o incumprimento das ratios e a falta de profesorado nos centros educativos amesás que afecta directamente á calidade da ensinanza dos nenos e nenas de Ames
Na moción, o grupo municipal, insta á Xunta de Galicia a cumprir, de maneira inmediata, coas ratios máximas incluídas na Resolución do 10 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
O BNG esixe que se dote aos centros educativos do necesario persoal de apoio e especialistas para que, en todos eles, se poida dar soporte ao alumnado con necesidades especiais que permita a verdadeira e total integración.
Así mesmo, no caso concreto do CEIP de Ventín, demanda que se lles proporcione os autobuses suficientes ao servizo de transporte escolar de xeito que non se produza o desdobre de ningunha liña.
En palabras da voceira, Escarlata Pampín, “atopámonos ante un novo curso escolar de rebaixas por parte da Consellería de Educación que non imos permitir; dende o BNG de Ames estamos loitando para que esta situación se solucione, non só apoiando as mobilizacións das ANPAS e o profesorado e alumnado afectados, senón tamén dende o ámbito institucional, trasladando esta problemática ao pleno municipal e ao Parlamento Galego, de feito, a deputada nacionalista Cristina Fernández visitará Ames este xoves para logo demandar ao goberno da Xunta que reverta esta situación”.
Dende o BNG de Ames non deixaremos nunca de loitar por unha educación pública e de calidade.