Pedimos a urxente posta en funcionamento do cemiterio municipal
A responsábel local do BNG de Ames, Isabel Vaquero Quintela, rexistrou no concello unha moción dirixida ao Alcalde de Ames para que o Pleno da Corporación aborde a problemática do cemiterio municipal.
O BNG de Ames lembra que desde o 29 de xaneiro de 2010, o concello dispón dun cemiterio municipal construído con fondos públicos. Malia o tempo transcorrido desde o remate da súa construción, aínda está sen abrir ao público. Desde hai máis de catro anos, os distintos gobernos do concello de Ames non resolveron a xestión de dito servizo, de maneira que unha custosa infraestrutura municipal está en desuso, desatendendo as demandas de moitos veciños e veciñas de Ames que precisan do servizo de cemiterio municipal.
Na moción lémbrase que este desleixo é ademais unha manifesta ilegalidade, xa que a normativa en materia de réxime local obriga a todos os Concellos sen excepción a prestar, entre outros, o servizo de cemiterio.
O concello de Ames conta con máis de 30.000 habitantes, sen que teña un servizo básico para a súa veciñanza, pois ante a falta do cemiterio público municipal, tampouco existen alternativas na actualidade para moitas persoas, dado que os únicos cemiterios existentes en Ames son católicos, co que, tanto por crenzas como pola propia dimensión dos mesmos, non atenden a demanda que existe en función da poboación actual do concello.