A asamblea local ratifica por unanimidade a David Santomil como candidato á alcaldia

davidsantomil_coasideasclaras
David Santomil. Ames coas ideas claras

David Santomil repite como candidato do BNG á alcaldía do Concello de Ames

A asamblea local ratifica por unanimidade a David Santomil como candidato á alcaldia

A Asemblea Local do BNG de Ames aproba por unanimidade a candidatura encabezada polo actual concelleiro de Educación e Cultura.


O BNG de Ames é o primeiro dos grupos políticos do goberno tripartito en ratificar o seu candidato á Alcaldía.

 

A Asemblea Local do BNG de Ames acordou, na xuntaza celebrada este martes 29 de xaneiro no Pazo da Peregrina, ratificar por unanimidade a candidatura encabezada por David Santomil, actual concelleiro de Educación e Cultura, para optar de novo á Alcaldía do Concello de Ames.


A Asemblea aprobou tamén os primeiros cinco postos da candidatura, no que repite Isabel Vaquero, actual concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, pechando este primeiro tramo como número cinco. Como número dous da candidatura e xefa da campaña das eleccións municipais do vindeiro 26 de maio estará Natividade González, seguida de Escarlata Pampín e de Manuel Otero Boquete. Ambos incorpóranse á candidatura como independentes. Deste xeito, o BNG é o primeiro dos grupos municipais que conforman o goberno tripartito de Ames en nomear o seu candidato á Alcaldía e os primeiros postos da candidatura.


O día 22 de febreiro celebrarase na Casa da Cultura do Milladoiro un acto público de presentación da candidatura ao completo, que contará coa presenza do candidato á Alcaldía, David Santomil; e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

David Santomil, agradeceu á Asemblea o seu apoio e manifestou presentarse como candidato á Alcaldía cos seguintes obxectivos políticos:

  1. Validar e reforzar a xestión política do BNG de Ames nas urnas, en áreas estratéxicas para a mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, como son o ensino público e os programas de conciliación da vida laboral e familiar. Así como a Cultura e a defensa do idioma galego.
  2. Ampliar o respaldo electoral recibido no 2015, permitindo así acceder á Alcaldía e liderar un goberno do BNG, coa garantía de diálogo, participación, eficacia e estabilidade política como sinais de identidade na xestión de todas as concellarías.
  3. Fortalecer o proxecto colectivo do BNG de Ames coa vista posta no vindeiro mandato, mais tamén coa proxección de futuro e permanencia que caracterizan os proxectos sólidos, mediante a ampliación do grupo municipal e a través dunha candidatura plural, aberta e de firme compromiso de traballo, que coñece e se identifica coa veciñanza de Ames.


BNG de Ames
Ames, 30 de xaneiro de 2019

A asamblea local ratifica por unanimidade a David Santomil como candidato á alcaldia