Néstor Rego anuncia no Milladoiro que defenderá no Congreso a transferencia da N-550 e a gratuidade da AP-9

Néstor Rego e BNG de Ames cos empresarios
Néstor Rego e BNG de Ames cos empresarios

Na xuntanza coa Asociación de Empresarios defende que facilitarán o acceso e a comunicación do polígono industrial incrementando a súa viabilidade

Néstor Rego anuncia no Milladoiro que defenderá no Congreso a transferencia da N-550 e a gratuidade da AP-9

O candidato ao Congreso do BNG, Néstor Rego, reuniuse nesta tarde do mércores día 23, con membros da xunta directiva da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro para presentarlle as propostas que defenderá co obxectivo de mellorar as condicións de accesibilidade ao polígono industrial do concello de Ames. Insistiu en que o BNG defenderá no Congreso a transferencia da N550 e a gratuidade da AP-9.

A transferencia da N550 e a gratuidade da AP-9 que o BNG defenderá no Congreso son algúns dos temas que centraron a reunión do candidato nacionalista, Néstor Rego, con representantes do empresariado do Novo Milladoiro, que transmitiron como unha das súas principais preocupacións os problemas de comunicación e accesibilidade ao polígono industrial. Na reunión participaron tamén o tenente de Alcalde e portavoz do concello de Ames, David Santomil e as concelleiras Natividade González e Escarlata Pampín e, en representación da Asociación de Empresarios, o presidente Javier Santos Blanco e os membros da xunta directiva, Francisco Villar, Emilio Mato.

O candidato do BNG, Néstor Rego, defendeu na súa intervención na xuntanza, estas dúas propostas que forman parte do programa co  que concorre ás vindeiras eleccións xerais. "Consideramos necesario e especialmente eficaz a transferencia das vías de comunicación, en especial esta N550 que atravesa o Milladoiro e é de vital importancia para o acceso ao polígono industrial e tamén unha AP-9 libre de peaxes que, sen dúbida, reverterá no desenvolvemento económico do sector empresarial", sinalou Néstor Rego na súa visita ao centro da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro.

O BNG defende a transferencia da N550 ao Concello de Ames, entre outras razóns, para desenvolver o seu proxecto de humanización do Milladoiro, coa reparación do firme, a limitación de circulación de vehículos pesados -xa aprobado- e os novos accesos ao polígono co fin mellorar a calidade de vida á veciñanza dun núcleo urbano no que habita un 41% da poboación do Concello de Ames.

De especial interese foi considerada a liberalización de peaxes da AP-9, que o BNG leva defendido nos últimos anos con múltiples accións e iniciativas institucionais e que chegou xa a un Congreso no que insistirá en "non fique en papel mollado e sexa materializado e, coa transferencia, veña tamén a gratuidade". Unha AP-9 libre de peaxes, explicou, revertería no baleirado de tráfico pesado no tramo da N550 ao seu paso polo concello de Ames.

 

 

Orixinal de: https://www.bng.gal/articulo/novas/nestor-rego-anuncia-milladoiro-defendera-congreso-transferencia-da-n-550-gratuidade-da-ap-9/20191023222325025684.html

Néstor Rego anuncia no Milladoiro que defenderá no Congreso a transferencia da N-550 e a gratuidade da AP-9