DAVID SANTOMIL PRESENTA UNHA MOCIÓN APROBADA POR UNANIMIDADE
Gratuidade do tramo Santiago-Padrón para liberar a N-550 no Milladoiro
A iniciativa do BNG de Ames presentase unha moción en contra da subida das peaxes na AP-9 e para decretar a gratuidade do tramo da autoestrada Santiago-Padrón-Santiago.
A iniciativa do grupo municipal do BNG de Ames por medio do seu portavoz, David Santomil, o equipo de goberno, xunto cos grupos de Ames Novo e mailo concelleiro non adscrito, Javier López, presentaron unha moción por vía de urxencia no pleno ordinario deste pasado 25 de xaneiro de 2018 en contra da subida das peaxes na AP-9 e instando ao Ministerio de Fomento a decretar a gratuidade do tramo da autoestrada Santiago-Padrón-Santiago.
A maiores de manifestar o rexeitamento á subida das peaxes na AP-9, instase á Xunta de Galicia a que demande a súa supresión; ínstase ao Ministerio de Fomento a decretar a gratuidade do tramo da autoestrada Santiago-Padrón-Santiago como unha medida para desconxestionar o tráfico diario da N-550, en concreto, ao seu paso pola cidade de O Milladoiro no concello de Ames; ínstase á Xunta de Galicia a que cumpra os acordos do Parlamento galego e demande do Goberno do Estado a transferencia da AP-9 á administración galega; e trasládase o presente acordo aos grupos parlamentares do Parlamento de Galicia, Presidente da Xunta de Galicia e Presidente do Goberno do Estado.
Compre lembrar que as subidas das peaxes veñen motivadas, a maiores da subida decretada polo goberno do Estado, para pagar a ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago así como para que Audasa recupere o importe dos descontos dos tramos Vigo-Pontevedra.
A moción, a pesar dunha enmenda á totalidade presentada, foi finalmente aprobada por unanimidade. Será unha das medidas, a gratuidade do tramo entre Santiago e Padrón para desconxestionar o tráfico no núcleo urbán do Milladoiro, que, seguramente, será exposta á veciñanza na reunión deste vindeiro luns 29 ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
En palabras de David Santomil:
"Para o Concello de Ames, situado na zona de influencia da AP-9, principal vía de comunicación territorial do Eixo Atlántico, esta autoestrada considérase un dos principais elementos de dinamismo económico, social e demográfico local, e considérase que a subida das peaxes terá un impacto negativo e directo, especialmente no sector do transporte de mercadorías.
Así mesmo, a subida das peaxes repercutirá na desviación do fluxo de transporte de mercadorías e vehículos pesados pola estrada N-550, incrementando así a problemática existente na localidade de O Milladoiro.
Por todo isto, ademáis doutros motivos presentamos hoxe no Pleno a iniciativa do grupo municipal do BNG de Ames contra a subida das peaxes na AP9, coa seguinte proposta de acordo."
Moción finalmente aprobada