AGOIRA UN “MOI BO RESULTADO” PARA OS NACIONALISTAS O PRÓXIMO 28M
David Santomil pon en valor a “solvencia, experiencia e estabilidade” que representa o BNG en Ames
O actual tenente de alcalde e próximo candidato asegura que “é o momento” de Ames, un concello que medra e que está chamado a ser referente doutros municipios do País.
Santomil destaca cómo desde as responsabilidades de goberno do BNG se sacaron adiante importantes proxectos, como o futuro colexio para o Milladoiro e os comedores escolares, así como distintas medidas de conciliación.
Salienta que este tipo de actuacións, que son sinónimo de calidade de vida, fan posible que Ames sexa o único concello de Galiza no que medra a natalidade.
Ames, 15 de febreiro.- O tenente de alcalde do concello de Ames e candidato do BNG nas próximas eleccións municipais, David Santomil, afirmou hoxe nun almorzo con xornalistas encarar estes comicios moi “ilusionado”, pois considera que se dan as condicións idóneas para que o BNG teña un “moi bo resultado” ao se presentar como a “única alternativa de esquerda”, que ten demostrado con “feitos” durante estes catro anos que “Ames é un concello que medra”, chamado a ser referente doutros municipios do país.
Santomil recoñeceu que a actual coxuntura política a nivel estatal pode condicionar a campaña e os resultados, pero insistiu en que “é o momento” do BNG, tanto no concello como no país, polo que se amosou moi optimista e confiado en ser a “alternativa á esquerda” que poida poñer freo ao PP e o seu previsible crecemento.
“Estamos a percibir unha grande sintonía por parte de moita xente, de moi diferentes espazos, e acompáñanos un alto nivel de coñecemento por parte da cidadanía do noso traballo, a experiencia e a solvencia, un xeito de facer política que fixo posible catro anos de estabillidade, de crecimento estable e tranquilo de Ames”.
Neste sentido, puxo en valor a cultura de coalición sen ruido que caracterizou o mandato e, sobre todo, o equipo que o acompañou durante este período, as concelleiras Natividade González e Escarlata Pampín, que o acompañarán na candidatura como números 2 e 3 da lista, respectivamente e que tamén estiveron presentes no almorzo.
David Santomil explicou que agardan poder seguir traballando nesta línea de crecimento tranquilo e demostrando que é posible sacar adiante grandes proxectos, como o novo colexio co que contará o Milladoiro; unha infraestructura na que levan traballando dende hai anos e que, por fin, vai ser unha realidade, que vai satisfacer unha demanda que responde, ademais, a que Ames sexa o único concello de Galiza no que medra en natalidade.
A este respecto, lembrou que estes dados demográficos son posibles, precisamente, grazas en boa medida ás políticas de conciliación postas en marcha desde os departamentos xestionados polas concellerías nacionalistas, como os comedores escolares, cun modelo de xestión sostible, ademais, referente para outros moitos concellos do País.
Santomil, que tamén é concelleiro de Axenda Urbana, aproveitou este exemplo para adiantar que lle gustaría, por exemplo, como reto de futuro, dárlle un maior impulso a áreas como a de Urbanismo e Servizos Sociais, onde se fixo un inxente traballo, “mais cecais falla planificación de prioridades, tal e como recolle, de feito, a diagnose da Axenda 2030”.
A preguntas dos xornalistas, sobre o proxecto de humanización de Milladoiro, insistiu en que o BNG vai estar sempre do lado de calquera proxecto de camiñe nesa dirección, pero lembrou que “á cidadanía temos que darlle feitos, non palabras e boas intencións”, e neste sentido sigue sen haber grandes avances, de aí que o BNG presentara emendas aos orzamentos no Congreso, a través do seu deputado, Néstor Rego, pois a día de hoxe segue a ser un proxecto “con 0 euros enriba da mesa”.
Finalmente, David Santomil pechou o encontro convidando a participar no acto de presentación da candidatura o próximo día 24, no que participará a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e no que se presentará o primeiro tramo da lista; “os 11 primeiros, un número simbólico porque é o que marca a maioria no concello”.
Malia que non adiantou os nomes, Santomil si asegurou que será unha lista fiel reflexo da sociedade amesá, equilibrada, con representación dos diferentes sectores e ámbitos territoriais”, “unha candidatura que sae a gañar”.