O BNG OPONSE A OBRIGAR Á VECIÑANZA A PAGAR MÁIS SEN MELLORAR UN SERVIZO QUE CONSIDERAN DEFICIENTE,ANTICUADO E INSUFICIENTE

O PSOE e o PP unidos para subir a taxa do lixo en Ames

Votación da ordenanza da subida da  taxa do lixo
Votación da ordenanza da subida da taxa do lixo

 

O PSOE e o PP soben a taxa polo servizo de recollida,transporte e tratamento de residuos á veciñanza amesá. A Organización nacionalista sinala que é unha ordenanza pouco social e pouco incentivadora, que non se adapta ás necesidades da poboación nin promove cambios positivos na  xestión do lixo. Recalcan que o BNG defendeu sempre a Mancomunidade como modelo consolidado de reciclaxe de residuos pero que desgraciadamente as presidencias que alternaron o PP e o PSOE non se ocuparon de mantelo.

O PSOE e o PP unidos para subir a taxa do lixo en Ames

A Concelleira Rosalía Seijas explicou que  “desde o BNG non  dicimos que non hai que adaptar a ordenanza do lixo, sabemos que é obrigatorio cumprir coa directiva europea e coa lei estatal, que a traspón ao noso marco legal. O que cuestionamos non é a necesidade de adaptarse, senón o xeito en que se fai: non é de recibo impoñerlle á veciñanza  un incremento na taxa cando seguen a atoparse cos mesmos colectores rotos, as mesmas frecuencias de recollida que hai anos e as mesmas dificultades para reciclar correctamente.”

A edil nacionalista recalcou que a directiva europea fala tamén de melloras na xestión dos residuos, de eficiencia, de incrementar a recollida selectiva, de fomentar a separación en orixe, e de avanzar cara a unha economía circular, cuestións que, considera, non aparecen reflectidas nesta ordenanza. “Non vemos medidas para modernizar o servizo, nin para implantar a recollida porta a porta, nin un plan serio para reforzar a compostaxe —individual ou colectiva—, nin campañas de sensibilización e formación da cidadanía, que son obrigatorias para acadar os obxectivos europeos”, sinala. “Esta non é unha ordenanza que mire ao futuro nin que aposte por un Ames máis sostible e con mellores servizos”, engade.

Rosalía Seijas, subliñou que o BNG defendeu  sempre a Mancomunidade, pero a Mancomunidade como modelo consolidado de reciclaxe de residuos “lémbrolles que a nosa comarca chegou a estar dentro dos oito municipios que máis reciclan” indicou, “pero dende o  BNG sempre solicitamos unha  auditoría económica e medioambiental da planta que ata o de agora nunca se deu, e nós nunca defenderemos un modelo cos ollos pechados e sen datos”, aclarou. “E voulles dicir máis,  a situación da planta é a que é debido a que se alternaron as presidencias do PP e do PSOE  e deixaron morrer o modelo”, concluíu.

O PSOE e o PP unidos para subir a taxa do lixo en Ames