AMBAS FORMACIÓNS POLÍTICAS EXIXEN INFORMACIÓN SOBRE AS XESTIÓNS REALIZADAS POLO ALCALDE COA MANCOMUNIDADE
O BNG e Espazo Común de Ames asinan a solicitude dun pleno extraordinario sobre o modelo de xestión da recollida do lixo e a situación da Mancomunidade Serra do Barbanza.
A ausencia de información por parte do alcalde de Ames leva ao BNG e a Espazo Común a solicitar conxuntamente a celebración dun Pleno Extraordinario, no que poder aclarar as xestións realizadas e as intencións do alcalde para adherir o Concello de Ames á Mancomunidade Serra do Barbanza como membro de pleno dereito.
O pasado mes de setembro finalizou o contrato entre a Mancomunidade e a empresa concesionaria da recollida do lixo (FCC). En consecuencia, o contrato permanece nunha situación de prórroga que preocupa aos traballadores e traballadoras da planta e as súa familias, ante a negativa de FCC a seguir prestando o servizo nas actuais condicións laborais e ambientais.
Escarlata Pampín e Luisa Feijoo, en representación de ambas formacións políticas, presentaron a solicitude de Pleno Extraordinario no rexistro municipal de Ames, que deberá celebrarse neste mes de outubro.
O interese do Grupo Municipal BNG pola Mancomunidade remóntase xa a varios mandatos nos que sempre apostou por este modelo; neste senso, as concelleiras Escarlata Pampín e Rosalía Seijas participaron onte nunha xuntanza en Muros con representantes do BNG dos diferentes concellos pertencentes á Mancomunidade.