O BNG en contra da proposta de nomeamento da xerente da EPEL Augas de Ames
Na reunión do Consello de Administración, celebrada esta mañá, o nomeamento da xerente quedou enriba da mesa debido á falta de documentación e por tanto de transparencia.
A entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL foi creada no pleno do 11 de maio de 2023, que foi o último do mandato 2019-2023, co voto a favor da daquela concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, membro do Grupo Municipal Contigo Podemos
“Neste momento no que se están dando grandes pasos para a municipalización da xestión da auga, vemos con absoluto receo este nomeamento que, ao noso parecer, implica que Ames esté camiñando cara ser o primeiro concello que abre dentro da súa propia empresa as portas xiratorias” denuncian dende o Grupo Municipal do BNG.
Cómpre lembrar que o Pleno do Concello de Ames aprobara na sesión ordinaria do mes de abril de 2023 a memoria xustificativa e o modelo do sistema de xestión do Ciclo Integral da Auga, Genma Otero como concelleira de Economía e Facenda participou na elaboración do proxecto da empresa pública da que agora se pretende que sexa xerente.
“É éticamente moi cuestionable que unha persoa que formou parte do proceso de creación da empresa municipal se presente uns meses despois á convocatoria do proceso selectivo como xerente” apunta Alexandre Espinosa, membro do Consello de Administración da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames e concelleiro do BNG.
Nestes momentos os propios membros do Consello da Administración da Empresa Pública da Auga de Ames, non teñen información clara sobre o que se puntou, “a falta de transparencia é total, pese a solicitalo, aínda non se nos enviou a documentación completa. Non se achegaron os méritos de cada candidato, como si se fai noutros procesos como, por exemplo, o da elección do xuíz de paz” sinala Natividade González, membro do Consello de Administración da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames e concelleira do BNG.
A esta falta de transparencia, úneselle a falla de dilixencia na convocatoria das reunións do Consello de Administración da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames, o que imposibilita a análise da documentación aportada para os distintos puntos da orde do día que se tratan nas xuntanzas. Feito que xa foi denunciado en varias ocasións polo BNG de Ames.