COMO CONCELLEIRO DE AXENDA URBANA, SANTOMIL, FOI O ENCARGADO DE COORDINAR TODOS OS TRABALLOS RELACIONADOS CON ESTE PROXECTO ESTRATÉXICO
David Santomil participa na presentación da Axenda Urbana de Ames
No ano 2021 a corporación de Ames decidiu concentrar todo o relativo á Axenda Urbana nunha nova concellaría que asumiu David Santomil.
Tralo traballo feito nestes últimos anos, onte presentouse no Pazo da Peregrina o documento definitivo que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata 2030
Na súa intervención David Santomil explicou que “as axendas urbanas deben afrontar unha dobre oportunidade. Por unha parte, facilitar o planeamento ou actualizalo para atender as necesidades locais. Por outra parte, deseñar e impulsar os seus principais proxectos urbanos para solicitar financiamento público no novo marco europeo até o ano 2027. Da conxunción de ambas cousas radica o éxito ou fracaso das iniciativas que poidan desenvolver os concellos nos próximos anos, polo que resulta imprescindible adaptar as figurar de planeamento urbano a través dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), ou dos correspondentes Plans Parciais ou Plans Especiais, mais tamén avanzar na redacción dos proxectos que vaian encamiñados a lograr financiamento para poder executalos en prazo”.
“O concello de Ames é un exemplo desta dupla realidade, en tanto que necesita actualizar o seu PXOM despois de vinte anos (2002) e redeseñar o seu modelo de cidade en base ás iniciativas que poida desenvolver con financiamento propio ou en colaboración con outras institucións. En particular coa Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o Estado Español e a Unión Europea, pois a súa axuda resulta fundamental para poder executalos, ao ter limitadas as posibilidades orzamentarias en aplicación da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local (LRSAL) estatal do ano 2013 que segue vixente dez anos despois”, engadiu Santomil.
O documento definitivo,ao que o BNG fixo numerosas aportacións, será debatido no pleno extraordinario deste xoves.