ACADA TAMÉN O REXEITAMENTO DO CONCELLO DE AMES Á MODIFICACIÓN DA LEI DE PATRIMONIO DE GALIZA

O BNG de Ames logra a unanimidade do pleno na súa defensa dun transporte público de calidade

Momento da votación no pleno
Momento da votación no pleno

 

 O BNG de Ames presentou no pleno de marzo unha moción na que insta á Xunta de Galiza a realizar unha avaliación detallada do estado do transporte público no Concello de Ames e en relación coa área metropolitana de forma que se faga unha planificación global da situación do transporte,  foi aprobada por unanimidade.

 

O BNG de Ames logra a unanimidade do pleno na súa defensa dun transporte público de calidade

A formación nacionalista exixe,unha vez máis, reformular a oferta de transporte actual en Ames para cubrir de forma suficiente o transporte interurbano nas horas clave garantindo o desprazamento a centros de traballo, centros de estudo e centros sanitarios.   

A recuperación do servizo de Noitebús e ampliar a súa cobertura tamén ás parroquias rurais ou  incrementar as frecuencias, son algunhas das exixencias que os nacionalistas sacaron adiante.

Para o BNG  “é fundamental que os horarios sobre os que se planifica o transporte público permitan cubrir as principais horas de acceso a centros de traballo, centros educativos e centros sanitarios”.

No caso concreto, da liña que conecta Bertamiráns e O Milladoiro piden que se incrementen as frecuencias, facilitando a mobilidade entre os dous núcleos urbanos do municipio e que se dote dunha nova parada no Polígono.

Reclaman tamén o aumento das frecuencias nas liñas que atravesan o rural do concello e dotar do servizo ás parroquias que aínda a día de hoxe non o teñen,  “garantindo así unha mobilidade digna para toda a veciñanza”.

 MODIFICACIÓN DA LEI DE PATRIMONIO DE GALIZA 

A partir de xaneiro, tras a modificación da lei Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galiza que se recolle na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2026, son os Concellos os que determinan durante o procedemento de concesión de licencia urbanística si as intervencións pretendidas cumpren os obxectivo de protección de valores culturais.

O nacionalistas censuran que se  transfira a responsabilidade aos concellos, a maioría deles sen recursos nin persoal cualificado para informar das intervencións nos ámbitos protexidos. 

 Critican esta transferencia das tarefas de control e xestión do patrimonio cultural galego ao igual que o Consello da Cultura Galega que xa emitiu un informe no que manifesta que “a actual translación de competencias se realiza sen avaliar previa e suficientemente a preparación dos equipos técnicos municipais para afrontar o manexo dos criterios de valoración do patrimonio, que teñen unha inevitable natureza discrecional".  Para os nacionalistas isto representa un retroceso grave para a protección do patrimonio galego.

 

 

 

O BNG de Ames logra a unanimidade do pleno na súa defensa dun transporte público de calidade