O GOBERNO MUNICIPAL DO PSOE EN MINORÍA LEVA MÁIS DUN ANO SEN TENTAR POÑERLLE REMEDIO A ESTA SITUACIÓN
O BNG de Ames logra por unanimidade aprobar unha iniciativa na defensa do transporte público do rural
No transporte do rural amesán perduran as impuntualidades, os atrasos inxustificados, non hai autobuses dabondo, non pasan nas horas previstas, a veciñanza queda tirada nas paradas por causa de que os autocares van ateigados e ademais presentan graves deficiencias no seu estado. En moitos lugares non dispoñen nin de marquesiñas nin de sinalización de parada
Ante esta situación o BNG de Ames presentou unha moción para que o Concello de Ames faga unha revisión de tódalas paradas e dote das marquesiñas necesarias ao noso rural coa información concreta en cada punto, porque a información que agora figura resulta totalmente inintelixible para a veciñanza.
Estas condicións deplorables que padecen as veciñas e veciños de Ames non preocupa ao goberno municipal do PSOE en minoría que non amosa ningún interese por arranxar unha situación xa insostible e que lle foi comunicada en múltiples ocasións.
De igual xeito, dende o BNG de Ames esiximos á Xunta que faga cumprir con rigorosidade os contratos en vigor do servizo público de transporte en Galicia, de acordo aos pregos técnicos e administrativos e ás ofertas gañadoras nos concursos e que estude a posibilidade de dotar ao rural de Ames do Servizo de Noitebús.
“Demandamos servizos para mellorar a mobilidade das persoas, un problema que afecta a tódalas idades pero que repercute sobre todo naquelas que carecen de transporte privado, un grupo entre os que se atopa a xente máis nova e a xente maior que depende dos seus familiares ou coñecidos para desprazarse”. Explica a voceira do Grupo Municipal do BNG, Escarlata Pampín.
A moción forma parte dunha campaña que o BNG de Ames está a poñer en marcha no concello para demandar un servizo público de transporte digno e eficiente