O BNG DE AMES REIVINDICA A MELLORA DO TRANSPORTE METROPOLITANO DO CONCELLO DE AMES MEDIANTE UNHA SERIE DE INICIATIVAS PROPIAS. PROMOVE UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DOS GRUPOS MUNICIPAIS E ÚNESE AOS USUARIOS E USUARIAS DO SERVIZO PARA VER DE PRIMEIRA MAN A SITUACIÓN E POÑERLLE SOLUCIÓN.
O BNG de Ames demanda unha solución para os autobuses que conectan as súas vilas con Santiago de Compostela
Esta semana as concelleiras do BNG Escarlata Pampín, Alexandre Espinosa e Rosalía Seijas e o xunto ao Responsable Local, Carlos García, estiveron nas paradas de Bertamiráns e Milladoiro para revisar xunto coa veciñanza a situación do transporte metropolitano de Ames onde recolleron as queixas dos usuarios e usuarias e denunciaron a penosa situación que teñen que vivir diariamente.
Neste sentido o BNG de Ames propuxo levar este tema a pleno para instar á Xunta a facer un estudo dos problemas existentes na liña O Milladoiro- Santiago de Compostela e Bertamiráns – Santiago de Compostela. Solicitan que se reforce o servizo nas horas de maior demanda e que se revise o cumprimento das rutas e horarios por parte da empresa concesionaria. A declaración institucional levarase ao próximo Pleno Ordinario que terá lugar o xoves 26 de outubro.
O plan de transporte público existente está provocando que o Concello de Ames estea peor comunicado e cun servizo máis precario, incorrendo a concesionaria en incumprimentos das cláusulas do contrato existente.
Concretamente, existe unha gran problemática nas rutas dos autobuses interurbanos O Milladoiro-Santiago de Compostela e Bertamiráns-Santiago de Compostela, que transportan viaxeiros de pé en determinados vehículos da liña e deixan numerosas persoas nas paradas en horas puntas por iren ateigados.
De igual xeito, dende hai tempo os veciños e veciñas veñen manifestando o incumprimento tanto dos horarios publicados na web bus.gal, como o de rutas tales como o servizo de Noitebús.
O BNG de Ames considera que hai motivos dabondo para que o Concello de Ames denuncie esta situación e inste á Xunta de Galicia a apostar dun xeito decidido pola calidade do servizo de transporte público do Concello.