O BNG organiza unha charla informativa sobre o negocio do sector eléctrico coa factura da luz
O acto será este venres ás 20:30 horas no Pazo da Peregrina en Bertamiráns
O Bloque Nacionalista Galego organiza unha charla informativa co título Por que se incrementa o recibo da luz? O poder do sector eléctrico para explicar a necesidade dunha tarifa propia en Galiza. O acto, aberto ao público, será este venres 21 marzo ás 20:30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e nel intervirá o economista e membro da Executiva Nacional, Hadrián Dios Vicente, presentado pola responsable local, Isabel Vaquero.
Para o BNG, o suposto déficit tarifario non é máis que unha xustificación do Goberno do Estado para incrementarlles, ano tras ano, o prezo da enerxía ás persoas usuarias, que soportamos a factura máis cara de Europa en beneficio só das grandes compañías eléctricas españolas.
Na charla explicarase tamén que Galiza é excedentaria na produción de electricidade e padece os custos sociais e ambientais coa explotación dos nosos recursos naturais, sen obter ningún beneficio desta condición. Por este motivo, o BNG demanda unha tarifa eléctrica propia, cunha redución do prezo da electricidade, para beneficiar tanto os fogares como as empresas e industrias do país, de xeito que poidan manter a súa actividade ante os elevados custes enerxéticos.
Con este acto, o BNG de Ames tamén quere reprobar o escurantismo dos recibos da luz, as subas constantes e desproporcionadas do prezo da enerxía, o espolio dos recursos naturais de Galiza e a tributación en Madrid por parte das empresas que se aproveitan dos nosos recursos, e falarmos dos problemas de calidade na subministración enerxética que desgraciadamente coñecen ben os nosos veciños de Augapesada, que tan a miúdo e dende hai tanto tempo padece cortes de luz que prexudican enormemente a súa vida.
Ademais, tamén coñeceremos as iniciativas e propostas presentadas polo BNG no Parlamento para loitar contra a pobreza enerxética que sofren 650.000 persoas en Galiza. Unha enerxía, -electricidade ou gas-, cada vez máis caras, sumado ás desorbitadas cifras de desemprego, con 33.000 familias sen ningún ingreso e 93.000 fogares con todos os seus membros en paro, provoca como resultado familias que non poden afrontar os custes da factura da luz nun momento de frío xeneralizado.
Hadrián Dios Vicente forma parte da Executiva Nacional do BNG, na que dirixe a Secretaría de Estudos e Formación. É licenciado en Economía pola USC e Mestrado en Desenvolvemento Económico e Innovación. Na actualidade está a preparar a súa tese de doutoramento precisamente sobre o sector eléctrico en España.