O goberno do PP de Ames provoca un deterioro sen precedentes nas Escolas Deportivas Municipais
O BNG de Ames denuncia o deterioro a que o goberno do PP aboca as Escolas Deportivas Municipais por mor da rebaixa, sen precedentes, da contía da concesión. Unha rebaixa que asumen as e os monitores deportivos, que pasan de cobrar 13 por hora a tan só 7,35 e que terá consecuencias na calidade dun dos servizos mellor valorados até o de agora no concello, por favorecer o deporte de base en categorías infantís e o acceso ao deporte de mantemento para adult@s a prezos asequíbeis, alén de facilitar a conciliación para as familias.
A rebaixa salarial está a provocar que moit@s monitor@s se cuestionen continuar ou non desenvolvendo a súa actividade nas escolas deportivas amienses ou que simplemente abandonen porque lles resulta máis caro ir aos centros deportivos que o que cobran por impartir a actividade en si.
O BNG denuncia a intención do PP de afogar este servizo público fundamental para a educación das rapazas e rapaces do concello e para a conciliación das familias.
Pola súa banda a empresa, que ten que cubrir as baixas antes do vindeiro luns día 7 de outubro, data na que comezan as actividades, está a ofrecer a aquel@s monitor@s que quedan a posibilidade de suplir ás/aos compañeir@s que marcharon. Isto implica que poderán impartir calquera especialidade, sen ter en conta a súa formación. Deste xeito, córrese o perigo de que as escolas deportivas pasen a ser garderías de xogos deportivos, no canto de escolas onde as nenas e nenos de Ames poidan aprender un deporte e os valores que este comporta.
Esta situación está a provocar un enorme desconcerto entre as familias, que agardan expectantes a ver en que deriva unha situación provocada pola obsesión do Partido Popular de recortar os gastos en todos os servizos públicos municipais, sen ter en conta as consecuencias que de isto se deriven.
A concesión para EULEN
Para o BNG é un escándalo que, máis unha vez sexa EULEN, empresa na que traballa a irmá do presidente da Xunta, a que se leve a concesión. A multinacional non ten, na descrición dos diversos servizos que presta e que aparecen publicados na súa páxina web, nada referido a actividades deportivas. Mais a súa falta de experiencia neste tema non semella ter sido obstáculo para que o PP de Ames a considerara a empresa máis axeitada para xestionar as Escolas Deportivas municipais.
A empresa concesionaria, Eulen, na que traballa a irmá do presidente da Xunta, está a obter concesións de servizos de todo tipo nos concellos gobernados polo PP.
O BNG considera que é ben rechamante que este empresa estea obtendo concesións para a xestión de servizos de todo tipo nos concellos gobernados polo Partido Popular, beneficiándose así dos cartos públicos das/os contribuíntes galegas/os.
O proceso de contratación
O propio proceso de contratación estivo ateigado de problemas. O concello de Ames xa estabelecía unha rebaixa de orzamento para a concesión do servizo. De feito, se no prego de condicións do concurso de 2010 estabelecía un máximo de 182.834,13 anuais, no deste ano (publicado o 21 de xuño de 2013) xa prevía unha rebaixa substancial, de case 30.000 , estabelecendo un prezo unitario/hora/monitor máximo de 21 máis IVE e un orzamento global que non podería exceder de 155.301,42, IVE incluído por cada ano de contratación.
A multinacional EULEN presentou unha proposta económica á baixa que foi considerada pola Mesa de Contratación como temeraria, oferta anormal ou desproporcionada, polo que solicitou da empresa que xustificase a valoración da oferta e precisara as condicións da mesma.
Foi, xa que logo, o concello de Ames, quen aceptou un prezo por hora e monitor/a de 15,50 máis IVE, que se traducen en 7,35 /hora para as/os monitoras/es, aínda sabendo que, deste xeito, todo o beneficio da empresa viría de explotar ás/aos traballadoras/es. E é o concello de Ames quen deliberadamente pon en cuestión a calidade das escolas.
Ante isto, o BNG denuncia a intención do PP de afogar este servizo público fundamental para as rapazas e rapaces do concello e para a conciliación das familias. Considera que a súa actitude evidencia a pouca relevancia que lle dá ao deporte, entendido como unha actividade física saudábel que aporta toda unha serie de valores fundamentais para a formación das persoas, como tolerancia, igualdade de oportunidades, traballo en equipo ou responsabilidade, entre outros.
O BNG alerta ademais do camiño que poden seguir as Escolas Deportivas se se permite o seu deterioro e fai un chamamento ás familias a exixir que se manteña a súa calidade, porque as Escolas non son do Partido Popular senón de todas as veciñas e veciños de Ames.