A Eurodeputada Ana Miranda viaxa a Ames para apoiar as demandas do Grupo Municipal do BNG no referente ao transporte metropolitano

Foto
Foto

Ana Miranda, eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego xa denunciou no pleno do Parlamento Europeo os problemas do transporte público en Galiza e a súa pésima xestión, que segundo destacou “é un escándalo que se traduce na discriminación que sofren os galegos e galegas, que queren un transporte público, digno e de calidade”.

A Eurodeputada Ana Miranda viaxa a Ames para apoiar as demandas do Grupo Municipal do BNG no referente ao transporte metropolitano

 

Este venres a deputada do BNG no Parlamento europeo achegouse a Ames para seguir reivindicando xunto cos concelleiros e concelleiras da formación nacionalista que se mellore o servizo de transporte metropolitano. Na súa visita puido constatar o que está a acontecer en Ames, en palabras da concelleira Escarlata Pampín “Uns autobuses que non cumpren os horarios, as frecuencias e nos que nin tan sequera se reforza o servizo en horas de máxima demanda. Esa é a problemática que están a sufrir os veciños e veciñas do noso concello desde os núcleos de O Milladoiro e Bertamiráns coa conexión con Santiago”.

Ana Miranda anunciou en Ames que “imos a seguir denuciándoo, trasladarémoslle á comisaria os problemas que ten Ames, acabamos de velo porque subimos ao autobús e vimos como vai a xente, como non se está a prestar un servizo en hora nin en seguridade”

Na súa intervención na cámara europea, Ana Miranda acusou os seguintes feitos: Buses cheos nas vilas e cidades; xente agardando durante horas para chegar ou voltar dos traballos e aos centros de estudos; falta de frecuencias horarias e de billetes, que obriga a quen precisa desprazarse a reservar moitas semanas antes, retrasos continuos; falta de conexións para as zonas rurais e precariedade nos contratos dos traballadores de transporte”. Unha situación tristemente recoñecible, xa que se repite en Ames onde o plan de transporte público existente está provocando que o concello estea peor comunicado e cun servizo máis precario,incorrendo a concesionaria Monbus en incumprimentos das cláusulas do contrato existente. Concretamente, existe unha gran problemática nas rutas dos autobuses interurbanos O Milladoiro-Santiago de Compostela e Bertamiráns-Santiago de Compostela, que transportan viaxeiros de pé en determinados vehículos da liña e deixan numerosas persoas nas paradas en horas puntas por iren ateigados.

Ana Miranda referíuse tamén ao feito de que o sector do transporte en Galiza está case monopolizado pola empresa Monbus, “un monopolio amparado polo goberno galego do Partido Popular que non ten en conta as decisións xudiciais”. Neste sentido, Miranda fixo referencia á sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, avalada polo Supremo, que sostén que Monbus e Alsa se repartiron o mercado de transporte de viaxeiros por estrada en Galiza de forma fraudulenta. “o que denunciamos hoxe aquí é que Monbus monopolice o transporte galego tamén nesta comarca.”

Dende o BNG de Ames e co apoio da eurodeputada Ana Miranda, seguirase acusando esta situación para exixir á Xunta de Galicia que aposte xa e dun xeito decidido pola calidade do servizo de transporte público do concello.

 

 

A Eurodeputada Ana Miranda viaxa a Ames para apoiar as demandas do Grupo Municipal do BNG no referente ao transporte metropolitano