O BNG de Ames insta ao Sergas a resolver de xeito inmediato o problema da caldeira do Centro de Saúde do Milladoiro
De xeito intermitente, días enteiros sen calefacción nin auga quente en pleno inverno, coa conseguinte friaxe nas consultas, que provocan as lóxicas queixas de doentes e traballadores e traballadoras. Estes vense obrigados, mesmo, a levaren as súas propias fontes de calor tanto para traballaren como para evitaren arrefriamentos importantes nas persoas que acoden a consulta, especialmente nos servizos de pediatría. A situación parece deberse a un mal dimensionamento inicial da caldeira e á inadecuada planificación na subministración do combustible (pellets), polo que o frío e falta de auga quente (e isto non é só unha molestia, senón que afecta directamente a algúns servizos) acompañan de xeito intermitente o centro de saúde dende a súa inauguración, fixo o pasado xaneiro só dous anos.
O BNG de Ames insta ao Sergas a resolver dunha vez esta fría situación para conseguir unhas condicións de traballo óptimas para o persoal sanitario e administrativo que nel traballa, así como para ofrecer unha contorna axeitada aos doentes que alí acoden. Así mesmo, mentres non se resolve a situación, anima ás persoas usuarias a presentaren reclamacións no centro médico.