A PORTAVOZ DE CULTURA NO BNG DO HÓRREO DESTACA O IMPORTANTE ESFORZO ECONÓMICO DA CONCELLERÍA DO BNG
Visita de Mercedes Queixas á EMMA
Reclama un maior apoio económico da Xunta de Galicia para as escolas de música xestionadas polos concellos e que o goberno galego asuma as súas competencias coa creación dunha Rede.
A Deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia, Mercedes Queixas, visitou a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) xunto coas concelleiras de Cultura, Natividade González; de Mocidade, Escarlata Pampín; e de Educación, David Santomil e membros do Consello Local; para destacar o traballo realizado polo Concello de Ames e, en particular, as concellarías do BNG na creación, consolidación e impulso da EMMA.
A EMMA está ubicada en Aldea Nova e conta na actualidade con espazo propio e máis de 200 alumnos/as matriculados nas disciplinas de linguaxe musical, práctica instrumental e vocal, música e movemento, así como na formación de diferentes agrupacións.
Dende o ano 2017 está inscrita no Rexistro de Escolas de Música e Danza de Galicia e conta con profesorado municipal incorporado nese mesmo ano á Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames. Dotouse no ano 2019 dun Regulamento de réxime interno e dun posto de dirección para facilitar a súa coordinación e proxecto pedagóxico.
Durante a pandemia motivada pola COVID19 nos anos 2020 e 2021 adaptouse ás necesidades do alumnado coa realización de clases non presenciais e renovou o material didáctico coa adquisición de novos instrumentos e outros recursos, cofinanciados pola Deputación da Coruña.
A parlamentaria Mercedes Queixas destacou durante a visita ás instalacións da EMMA o importante esforzo económico do Concello de Ames co seu impulso e consolidación, así como a necesidade dun maior apoio por parte da Xunta de Galicia a través dunha liña de subvencións específica como fai a Deputación da Coruña. Neste senso, o BNG solicita a creación dunha Rede pública de Escolas de Música e Conservatorios que conte con financiamento autonómico para axudar aos concellos e permitir a ampliación do número de horas lectivas para o profesorado.
Natividade González, concelleira de Cultura, subliñou a aposta do goberno local e do BNG polo ensino público, as escolas municipais e o reforzo dos recursos didácticos e instrumentos. A concelleira agradeceu a boa dispoñibilidade da nova directora, Pilar Martínez, quen solicitou seguir a consolidar a EMMA con máis recursos e dar a coñecer o traballo que realizan alumnado e profesorado ao conxunto da poboación do concello de Ames.