O BNG pon como exemplo de conciliación a escola infantil de Ames
Ana Pontón aconsella ao goberno galego “tomar nota” do modelo de conciliación do concello de Ames fronte á propaganda de cheques e políticas natalistas
Na súa visita á Escola Infantil Municipal da Madalena no Milladoiro, a portavoz do BNG destacou o traballo do BNG no concello a favor das políticas de conciliación e os servizos públicos. Neste sentido, explicou que as iniciativas do BNG propiciaron responder ás demandas das familias a través de escolas infantís e comedores destinando o 20% do orzamento a educación. Este, recalcou, “é un modelo do que debe tomar nota a Xunta porque son as receitas que se precisan cara unha alternativa contra a crise demográfica”. A portavoz nacionalista recalcou que a crise demográfica non se resolve con “cheques nin políticas natalistas fracasadas”. Hai que apostar por outro modelo económico e non penalizar “as mulleres cando deciden ser nais”.
Acompañada polo portavoz municipal, David Santomil, as concelleiras Natividade de Jesús, Escarlata Pampín e o responsable local, Alexandre Espinosa, e tras visitar as instalacións da escola, Pontón manifestou que a Xunta debe cambiar o rumbo e apostar por máis escolas infantís, servizos públicos, mellorar os comedores escolares e máis recursos de conciliación ás parellas e persoas soas que deciden ter fillos e fillas.
Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG no concello de Ames, David Santomil lembrou que o concello destina o 20% do orzamento municipal ao ámbito educativo reforzando a educación temperá de 0 a 3 anos. Ames, dixo, Santomil é “o concello que máis inviste en comedores e programas de conciliación, máis de 4,5ME que repercuten de maneira directa na atracción de poboación xove convertendo a Ames nun dos concellos que máis medra no conxunto do estado”.
Nova orixinal extraída da páxina web do BNG nacional: https://www.bng.gal/articulo/novas/bng-pon-como-exemplo-conciliacion-escola-infantil-ames/20191002180343025466.html