Ana Miranda recolle a súa acta de eurodeputada
Avanza que sanidade pública e pensións protagonizarán as primeiras iniciativas que presente ante o Parlamento europeo, tras a mobilización social en defensa dos servizos públicos
Tomará posesión do escano no plenario de Bruxelas o 28 de febreiro
Ana Miranda recolle a súa acta de eurodeputada e tomará posesión o vindeiro 28 de febreiro no Parlamento Europeo. O escano do BNG no Parlamento Europeo é o escano do pobo galego, que lle devolverá a voz a Galiza.
A ata agora portavoz do BNG en Bruxelas recolleu a súa acta de eurodeputada na Junta Electoral Central no Congreso, paso previo á toma de posesión do escano no Parlamento Europeo o 28 de febreiro, e ata o final da lexislatura europea en maio de 2019. Toma así o relevo de Josu Juaristi dentro da coalición Os Pobos Deciden, na que o Bloque concorreu aos comicios europeos.
Miranda tamén avanzou cales serán as primeiras iniciativas que presentará como eurodeputada, de marcado carácter social e desde a perspectiva de Galiza: Pensións dignas e sanidade pública, recollendo o clamor social en defensa dos servizos públicos que levou a milleiros de persoas a manifestarse en defensa do sistema público de saúde e a concentrarse en defensa das pensións que, no caso galego, son as segundas máis baixas do Estado.
Entre as iniciativas defendidas no que vai de lexislatura, a batalla ganada para que o sector do xeito non fose incluído na prohibición de redes de arrastre, o informe emitido pola Comisión Europea en relación ao sinistro do Alvia reclamando unha investigación independente da traxedia. Tamén iniciativas en relación á vaga de lumes, da persistencia do espolio do patrimonio do pobo galego por parte dos herdeiros do franquismo, ou a exclusión de Galiza de infraestruturas básicas.
“Darlle voz en Bruxelas aos problemas reais dos galegos e das galegas do común, ese será o meu obxectivo”, salientou Miranda.