“O ALCALDE COMO PRESIDENTE DO PLENO MUNICIPAL ESTÁ OBRIGADO A COÑECER TÓDOLOS ARTIGOS DO ROM DE CARA A EVITAR SITUACIÓNS INDESEXABLES”
O BNG de Ames esixe o cumprimento do Regulamento Orgánico Municipal
O xoves 5 de xuño presentaron un escrito no rexistro no que reclaman que se cumpra dun xeito claro e rigoroso o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) por parte de tódalas persoas implicadas na actividade do Concello, de xeito que non se vulneren os seus dereitos.
“A negativa do alcalde a respectar o regulamento non só supón unha falta de respecto aos grupos da oposición, senón que deteriora gravemente o funcionamento democrático da Corporación e o dereito da veciñanza a unha representación política xusta e transparente”, declara a voceira do BNG de Ames Escarlata Pampín.
Debido a esta situación, a formación nacionalista esixe formalmente ao alcalde que cumpra e faga cumprir o Regulamento Orgánico Municipal, “garantindo un reparto equitativo e regulado das intervencións, e velando polo bo funcionamento institucional do Pleno, que debe ser o espazo central do debate político no Concello” manifesta Escarlata Pampín.
No regulamento Orgánico Municipal (ROM), aprobado definitivamente no ano 2016, os tempos de intervención están claramente establecidos e a orde das quendas debe seguir criterios obxectivos e igualitarios. “A presidencia do Pleno non pode actuar en función de intereses partidistas, xa que o que parte e reparte, quédase coa mellor parte, e iso non é admisible nunha institución democrática” afirman os nacionalistas.