DENUNCIARON TAMÉN A FALTA DE XESTIÓN RIGOROSA NA ÁREA DE EDUCACIÓN REFLECTIDA NA NON SOLICITUDE DUNHA AXUDA QUE VIÑA SUBVENCIONANDO O CUSTO DOS SERVIZOS DE CONCILIACIÓN OU O ATRASO NA POSTA EN MARCHA DA COCIÑA CENTRAL

O BNG de Ames defende unhas festas máis inclusivas e sostibles cunha moción que foi aprobada por unanimidade

Aprobación por unanimidade da moción presentada polo BNG no pleno de xuño
Aprobación por unanimidade da moción presentada polo BNG no pleno de xuño

 

 Propuxo facilitarlles o desfrute  das celebracións a toda a veciñanza, incluídas aquelas persoas con hiperacusia, hipersensibilidade sensorial (como nalgúns casos do trastorno do espectro autista), persoas maiores, bebés ou doentes, así  como diminuír o perigo de incendios

O BNG de Ames defende unhas festas máis inclusivas e sostibles cunha moción que foi aprobada por unanimidade

Dende o BNG de Ames, piden que se establezan medidas para limitar o uso das bombas de palenque e doutros elementos de pirotecnia ruidosa nas festas organizadas ou apoiadas polo Concello de Ames, especialmente nas primeiras horas da mañá e en días de alto risco de incendio, segundo a clasificación da Xunta de Galicia. Consideran que estes elementos poden provocar ansiedade, estrés ou mesmo respostas físicas intensas, xerando situacións de malestar que, en ocasións, obrigan a persoas ou familias enteiras a abandonar o entorno festivo. 

Os animais sofren tamén as consecuencias dos estalidos: prodúcenlles taquicardia, tremores, falta de aire, náuseas, perda de control, medo e mesmo a morte. As aves reaccionan con pánico, desorientación, cambios de conduta ou abandono de niños.  Os can e os gatos adoitan sentir tal terror que ao tentar fuxir  poden ser vítimas de accidentes ou perderse.

 Por estes motivos, solicitan tamén recomendar ás comisións de festas e ás empresas organizadoras que empreguen alternativas máis inclusivas e sostibles, como espectáculos de luces, pirotecnia silenciosa ou de baixo impacto acústico.

Cómpre recordar ademais que o uso de pirotecnia durante o verán, nun contexto de cambio climático e aumento do risco de incendios, supón un perigo engadido para a seguridade cidadá e o medio natural.

Por outra banda, o Grupo Municipal do BNG, preocupado pola xestión da área de educación, presentou unha pregunta por escrito para ser respondida en pleno sobre o motivo polo que dende a Concellaría de Educación do Concello de Ames non solicitaron a subvención do programa Plan Corresponsables no ámbito local (SI436A). Esta axuda viña sufragando o custo dos servizos de conciliación nun contexto, ademais, no  que dende o Goberno Municipal teñen manifestado que este servizo é deficitario. A resposta do alcalde foi  “non se presentou porque houbo un despiste no departamento á hora de presentar esa subvención”

 “Non é honesto estarlle subindo as cotas ás familias escusándose no déficit  do servizo, mentres o goberno municipal non realiza unha xestión rigorosa que implica perder ingresos tan importantes como os desta axuda”,  sinalou a concelleira nacionalista, Rosalía Seijas.

 En relación a isto, Escarlata Pampín, voceira do BNG de Ames, subliña que “preocúpanos o rumbo que está a tomar a área de educación, debido a varios feitos: como o atraso na posta en marcha da cociña central imputable ao Concello, tal e como manifesta o contratista; o sobrecusto desta cociña debido a este atraso ou á non substitución da técnica de educación”.

 

O BNG de Ames defende unhas festas máis inclusivas e sostibles cunha moción que foi aprobada por unanimidade