Compra no comercio local, merca productos galegos, Galiza sairá gañando

Compra no comercio local
Compra no comercio local
Compra no comercio local, merca productos galegos, Galiza sairá gañando

O Bloque Nacionalista Galego anima a potenciar feiras e mercados, a consumir produtos galegos, e a facelo no comercio de proximidade, sector básico da nosa economía. Levamos tempo alertando da imposición, por parte do Goberno do PP, dun modelo de consumo ao servizo das grandes áreas de capital foráneo, que nos empobrece, atenta contra a nosa saúde, e mesmo xera hábitos de vida e de ocio deshumanizados.

Apoiar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza para Galiza, de humanizar cidades e impedir a desertización das nosas vilas. Está na nosa man modificar hábitos, potenciar a nosa economía e dar saída á produción galega, de extraordinaria calidade.

No BNG apostamos por prestixiar os nosos produtos primarios e por facilitar a súa comercialización. O noso obxectivo é que as persoas produtoras obteñan o máximo beneficio, e que a actividade agraria, a súa transformación e comercialización sexan un elemento de xeración de emprego e dinamización económica, que tanta falta fan. Temos comercio e produtos de primeira. Reivindicamos a artesanía, a música, os libros, os xoguetes non sexistas, feitos na Galiza e reinvestidos na economía local. As políticas fiscais e económicas do PP están a ameazar a supervivencia do comercio local, que o BNG segue a apoiar e defender.

 

No BNG apostamos por...
- Incentivar a compra de produtos locais e galegos, con promoción da etiquetaxe en lingua galega.
- Opoñerse á instalación de grandes superficies comerciais.
- Recuperar os mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais.
- Promover a produción alternativa e ecolóxica.
- Impulsar unha marca de calidade dos produtos da horta galega.
- Regular os horarios comerciais.
- Establecer liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade.
- Promover axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.

Compra no comercio local, merca productos galegos, Galiza sairá gañando