Ao PP úrxelle máis a igrexa do Milladoiro que o Centro de Saúde

Ao PP úrxelle máis a igrexa do Milladoiro que o Centro de Saúde

Ames, 23 de febreiro de 2015.- Semella que finalmente a igrexa católica dará inicio ás obras do novo centro parroquial de San Xosé do Milladoiro, na parcela que o PP lle cedeu ao Arcebispado en xuño de 2013. Trátase dunha parcela situada en plena Travesa do Porto, de case 3.000 metros cadrados, resultado da división en tres dunha parcela maior do S-14 que o Concello modificara parcialmente para “para construír un novo equipamento público de grandes dimensións e reorganizar os espazos verdes públicos”.

Estes días o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacaba que a nova infraestrutura relixiosa resolverá unha “necesidade antiga para que os actos litúrxicos se poidan desenvolver en mellores condicións para os fieis e os usuarios”. Cómpre lembrar que actualmente no Milladoiro xa se dispón da igrexa parroquial e da capela da Madalena.

O actual Goberno municipal remexeu no fondo dos arquivos municipais para ceder unha parcela céntrica no Milladoiro á Igrexa remontándose nada menos que á época de Astray como Alcalde, e facendo perder patrimonio municipal no Milladoiro, un núcleo de poboación que sufre importantes carencias de dotacións e equipamentos públicos básicos. Un convenio ademais ilegal, pois nunca foi ratificado polo Pleno como no texto do mesmo se indicaba para a súa validez.

O BNG de Ames considerou daquela que non había xustificación para a cesión dunha importante parcela municipal no núcleo do Milladoiro para un uso relixioso, cando nesa localidade existen carencias de equipamentos moi necesarios como o Centro de Saúde do Milladoiro, que necesitaba unha parcela céntrica e duns 3000 metros cadrados, como a que agora se vai utilizar para a nova edificación da igrexa.

Na opinión do candidato á alcaldía de Ames polo BNG, David Santomil, “Santiago Amor só axiliza trámites para a igrexa e, segundo el mesmo dixo, para o Real Aero Club, mentres é incapaz de dotar dunha solución rápida ao problema do Centro de Saúde, esta si unha necesidade urxente da veciñanza”.

Ao PP úrxelle máis a igrexa do Milladoiro que o Centro de Saúde